miércoles, diciembre 4, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTui estrea a serie documental sobre "o primeiro galego global da historia",...

Tui estrea a serie documental sobre «o primeiro galego global da historia», Rosendo Salvado

Este mércores, 4 de decembro, o Teatro Municipal de Tui acolle a estrea da serie documental “Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia”. A proxección da obra dirixida por Valentín Carrera comezará ás 18.30 horas. Ao longo de catro capítulos, de media hora, relata a incrible e fascinante biografía de Rosendo Salvado, nacido en Tui.

A peza contará o seu percorrido como viaxeiro, músico, escritor, emprendedor, precursor da homeopatía, antropólogo e científico. O acto de presentación contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, así como do director, Valentín Carrera. Tamén estará o equipo da serie creada para a Televisión de Galicia. A entrada será libre ata completar o aforo.

A cabeceira da serie inclúe as primeiras imaxes de Rosendo Salvado creadas con Intelixencia Artificial por Marcos Mosquera. Presenta os catro capítulos o xornalista Carlos Prado, a pé de localización; Alicia Dapena e Anxo Cabada dan vida á narración en off e á propia voz de Salvado, interpretadas respectivamente por Isabel Vallejo e Luis Iglesia. Completa o relato a xestora cultural e pianista Andrea González, intérprete do recente disco Salvado Piano Works, baseado en partituras do monxe tudense. A cámara e montaxe estiveron a cargo de Javier Silva, con Paz Gutiérrez como script, e a produción executiva de Francisco González.

Na serie tamén interveñen o novo organista Martin Rodriguez e a soprano australiana Allegra Giagu; Albino Prada, profesor da Universidade de Vigo; Avelino Bouzón Gallego, arquiveiro dá Diocese Tui-Vigo; Fr. Davis e Fr. Robert Nixon, beneditinos de Nova Nursia; Francisco Díaz-Fierros, membro da Real Academia Galega; e o historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela.

A filmación sobre Rosendo Salvado

O director, Valentín Carrera, salienta que a de Salvado foi unha vida tan emocionante como descoñecida, dentro e fóra de Galicia. Tamén sinalou que foi “o primeiro galego global da historia. As súas viaxes compiten con grandes exploradores como Cook, Darwin, Humboldt ou o tamén misioneiro David Livingstone. Rosendo Salvado cruzou dez veces os mares entre Europa e Australia —navegou máis de cen mil millas—, levando e traendo, nunha xenuína viaxe de ida e volta, descubrimentos, achados, música, cultura, botánica, e novas sensibilidades no seu encontro co Outro”.

Rosendo Salvado foi un defensor avanzado dos dereitos humanos e da igualdade (o primeiro que incorpora ás nenas e mulleres á misión), un galego universal. “A aposta de Televisión de Galicia —afirma o director da serie— salda unha débeda pendente no patrimonio audiovisual galego. Contar a vida e obra de Rosendo Salvado, cun guión profundamente documentado, asesorado por especialistas, e cunha banda sonora de luxo: a música orixinal do propio Salvado”.

Rodaxe en Australia Occidental

Un reducido equipo con dúas unidades de cámara viaxou en xullo pasado a Australia Occidental para percorrer os principais fitos xeográficos na vida de Salvado. Exemplos destes son Albany, Busselton, Cervantes ou Fremantle (o primeiro porto ao que chegou Salvado en 1845, despois de 113 días de penosa navegación). Tamén Nova Nursia, Perth, Swan River, The Pinacles Desert e Williams. De todas estas localizacións destaca Nova Nursia, onde está enterrado o misioneiro. Tamén onde permanece intacta no tempo a misión beneditina fundada por Rosendo Salvado hai case dous séculos. Hoxe está convertida en lugar de peregrinación no roteiro xacobeo desde Australia a Galicia. O equipo aloxouse durante unha semana no propio mosteiro de New Norcia e puido coñecer e compartir de primeira man a vida e a historia da comunidade.

En Galicia a rodaxe completouse na catedral de Tui, no Seminario Menor de Tui, na Guarda, Baiona, na Biblioteca América, nos mosteiros de Samos, Trasmañó e San Martiño Pinario, e Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, no que ben podería estar Rosendo Salvado, en compañía de Castelao e Rosalía, de non escoller Australia como destino.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS