O Concello de Ourense acenderá este xoves 5 de decembro a iluminación de Nadal da cidade nun acto que terá lugar na rúa do Progreso, á altura da Alameda. O evento comezará cunha actuación musical dende as 19:00h ás 19:55h. Ás 20:00h acenderanse as luces de Nadal e de seguido, continuará a música ata as 21:00h.
Co acendido do alumeado, a cidade dará inicio a unha ampla programación de actividades organizadas polo Concello de Ourense para celebrar o Nadal 2024.
O dispositivo de seguridade para o desenvolvemento da actividade prevé pechar ao tráfico rodado desde un treito da rúa do Progreso as 15.00 horas, concretamente desde a baixada á Praza de Abastos até a rotonda de San Rosendo, deixando subir os vehículos pola rúa Parada Justel até as 18.00h, momento no que se pechará o tráfico tamén.
O acceso peonil por parte do público deberá realizarse desde a rúa do Progreso, xa que o paso desde Lamas Carvajal cara á zona a Praza Maior estará pechado por motivos de organización desde as 18.00 horas até que remate o evento.