O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia que agora será remitido ao Parlamento. Deste xeito, salientou que, “Galicia convértese na primeira rexión europea en regular por lei o deseño, adquisición e uso desta ferramenta, primeiro na administración e logo en toda a sociedade”.
O obxectivo, tal e como resaltou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, é garantir un desenvolvemento e unha utilización da intelixencia artificial “ética, segura, fiable e centrada nas persoas”. “Dotamos á comunidade dun marco xurídico estable que de certezas e blinde dereitos”, engadiu.
En virtude desta lei, as actuacións da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público que impliquen o uso desta tecnoloxía deberán contar cun informe de proxecto de IA que, ademais de describir o seu funcionamento e características detalladas, incluirá unha avaliación de impacto relativo aos dereitos fundamentais das persoas, de acordo co modelo da Oficina Europea de IA.
A lei, segundo indicou o conselleiro, tamén “prevé a supervisión humana” en todos os procedementos administrativos que empregan esta tecnoloxía sempre que sexa necesaria ou solicitada por calquera persoa implicada no trámite.
A lei parte do convencemento de que Galicia pode e debe asumir o papel de liderado que lle corresponde na conformación dunha rexión intelixente a través da ordenación e xestión dunha das tecnoloxías que está a marcar o futuro da humanidade. A norma está en plena conexión coa lexislación comunitaria e coas ideas expresadas por organismos multilaterais (como a OCDE, a Comisión Europea ou o Consello de Europa), que animan os gobernos a desenvolver unha contorna de políticas que faga posible a adopción de sistemas de intelixencia artificial dun xeito fiable e seguro.
Para velar polo cumprimento destes principios e obxectivos, a lei regula a creación de novos órganos, como a Oficina de Intelixencia Artificial de Galicia ou o Consello Galego de Intelixencia Artificial, así como de novas figuras, como o comisionado en intelixencia artificial, que velará pola prevención, detección e eliminación de riscos e resultados negativos, ou o inventario de sistemas de intelixencia artificial, que reflectirá o ciclo de vida de cada sistema, desde o seu deseño ata a súa desactivación.
A intelixencia artificial na Xunta de Galicia
Na actualidade, tal e como indicou Corgos, a Xunta de Galicia emprega e desenvolve en todos os seus ámbitos de competencia sistemas que utilizan a intelixencia artificial. O seu uso permitirá, por exemplo, reducir ata unha terceira parte as lesións que poden pasar desapercibidas nunha lectura convencional das mamografías para a detección de cancro de mama, así como poder analizar un maior número de probas en menor tempo.
Tamén se emprega intelixencia artificial para axudar as persoas a atopar emprego ao relacionar oferta e demanda laboral a través dunha ferramenta pioneira en España e Europa que permitirá realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas ata setembro de 2025.
Esta tecnoloxía tamén está a ser especialmente útil para a xestión do medio rural e a redución das diferenzas con respecto ás zonas urbanas. A Xunta ten en marcha o desenvolvemento dun sistema de inspeccións intelixentes avanzadas no marco da política agraria común (PAC) que permite aumentar o número de inspeccións da PAC, así como a súa eficiencia, ademais de reducir a complexidade e custos. Galicia tamén usa a intelixencia artificial para a detección automática de incendios forestais, así como para prever a evolución dos lumes de especial gravidade.
Na Administración, os sistemas de IA empréganse para reducir os tempos e facilitar as tramitacións por parte da cidadanía e do persoal empregado público con sistemas como a Plataforma de automatizacións da Xunta de Galicia.
Sectores produtivos
A lei recoñecerá o carácter de sector estratéxico para as empresas cuxa actividade teña relación directa con esta tecnoloxía. Entre as medidas para promoción da IA nos sectores privados, a lei impulsará a creación de factorías de intelixencia artificial, de acordo coa recomendación da Comisión Europea, arredor do Centro de Supercomputación de Galicia.
Estas factorías estarán abertas ás empresas emerxentes ou a calquera axente do ecosistema de IA que necesite desenvolver, adestrar e validar sistemas de intelixencia artificial. Tamén facultará a creación dun sistema de vixilancia tecnolóxica en intelixencia artificial para as empresas. Regula, así mesmo, a creación de programas de incubación, aceleración e consolidación de startups en IA, así como un fondo de participación en empresas que desenvolvan en Galicia sistemas de IA. Tras a aprobación no Consello de Goberno, o proxecto de lei será agora remitido ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación definitiva.