A Xunta de Goberno Local de Vigo deu luz verde este luns á adxudicación da nova grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos, por un importe de 24.821.940 euros. O rexedor sinalou que “teremos unha grada xemelga á de Marcador Centenario”, co cal situarase a “tan só 8,5 metros do terreo de xogo, en paralelo á liña de fondo”, para que os espectadores teñan unha visión despexada e completa.
Abel Caballero destacou o incremento de aforo, pasando dos aproximadamente 4.000 espectadores actuais ata os 6.500 espectadores. Proxéctanse 6 escaleiras de amplas dimensións e 8 ascensores que facilitan a mobilidade de forma notable, dando servizo tamén “ás bancadas de Río e Tribuna”, xerando un anel perimetral de bancadas conectadas, entre os diferentes niveis. As butacas elixidas son as mesmas que no resto do estadio.
A gran novidade, como exclamou o rexedor olívico, é a creación dun novo espazo aporticado de máis de 500 metros de lonxitude, enlazando o anel de soportais de Gol e Marcador entre si, creando “un novo espazo público cuberto”, o que implicará a intervención sobre a fachada xa reformada de Tribuna.O proxecto contempla un tanque de almacenamento de augas pluviais para a súa reutilización co rego do céspede.
Polémica coa Federación de Fútbol
O alcalde aproveitou para reclamar “que a Federación Española de Fútbol nos diga que estadio está, nestes intres, en mellores condicións que o de Vigo para ser sede do Mundial 2030”. Explicou que Vigo “ten o campo feito, xa está contratada a reforma da derradeira grada que estará rematada” en meses. Finalizou destacando que “a grada facémola para os afeccionados do Celta, creando un edificio singular e cunha imaxe recoñecible na que gozar dos encontros do noso equipo”.