viernes, noviembre 29, 2024
InicioNewsComarcasSalceda aprobará o I protocolo contra o acoso sexual e acoso por...

Salceda aprobará o I protocolo contra o acoso sexual e acoso por razón de sexo

Nesta semana vén de celebrarse a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Salceda de Caselas para a posta en marcha do protocolo contra o acoso sexual e acoso por razón de sexo. Na proposta de protocolo, Concello e sindicatos asumen un compromiso conxunto coa concienciación, información e prevención do acoso. Tamén coa posta en marcha de medidas de protección que garantan un entorno laboral libre de violencia e acoso.

O protocolo inclúe a formación obrigatoria para todas as persoas traballadoras e asegura o apoio legal e psicolóxico para as vítimas, así como a súa reinserción. Por outra banda preténdese incidir nas medidas de prevención e sensibilización. O principio de garantía estará presente no procedemento de instrución dos casos que poidan presentarse, así como a transparencia na instrución e a protección dos datos das persoas afectadas.

Deste xeito o Concello de Salceda súmase aos Concellos pioneiros en Galicia que apostan pola actuación contundente fronte aos casos de acoso sexual e por razón de sexo. Ademais, tendo presente sempre que o acoso sexual é unha forma de violencia de xénero.

Loli Castiñeira, a alcaldesa de Salceda, asegurou que “Ninguén dubida do noso compromiso pola igualdade e a loita ante as violencias machistas, e que actuaremos sempre con firmeza e determinación. Este protocolo é un paso máis dentro dese compromiso, camiñando da man Goberno e Sindicatos”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS