O Concello do Porriño pon en marcha a terceira edición da iniciativa solidaria “A Hora de Dar”. Esta campaña comeza seguindo as indicacións das necesidades que detectan os Servizos Sociais do Porriño. Ademais, organízase en cumprimento do acordado polo Pleno Infantil celebrado polo Día Mundial dos Dereitos da Infancia.
A recollida impulsada pola Concellería de Educación e a OMIX, deu comezo hoxe en todos os centros educativos do municipio. O obxectivo é incentivar e multiplicar as boas accións das persoas. Así mesmo, a finalidade deste movemento mundial, ao que se suma a cativada e mocidade do Porriño, é dedicar uns días a celebrar o feito de dar.
Este ano, a recollida centrarase nos produtos que máis se requiren no programa municipal de alimentos SOS Porriño por parte das familias con menos recursos. Estes son alimentos non perecedoiros como pasta, arroz, cacao soluble, galletas, conservas e alimentación infantil.
Como cada ano instalaranse nos centros de educación primaria e secundaria puntos de recollida específicos. Desde o Concello do Porriño animan a toda a veciñanza a participar e unirse para DAR e informan de que a maiores dos centros educativos poderán doarse alimentos no punto de recollida habilitado no Pavillón Municipal do Porriño ata o 11 de decembro.