Verín acollerá a Feira de Nadal 2024 os días 6, 7 e 8 de decembro na Praza García Barbón que contará cunha ampla programación, 33 expositores de artesanía e alimentación, actividades infantís e animación musical durante todas as xornadas.
As persoas que se acheguen ata o municipio ourensán poderán gozar dunha variada selección de produtos de artesanía e alimentación ofrecidos polos 33 expositores confirmados, entre os cales hai: 7 mestres artesáns, 19 postos de artesanía e obradoiros, expositores de produtos de alimentación e tamén postos de asociacións locais e colexios con stands solidarios.
Desde o punto de vista da procedencia dos seus participantes, a Feira de Nadal de Verín será este ano un reflexo de riqueza e diversidade, con 13 expositores locais de Verín e 6 da comarca, que se complementan coa participación doutros 5 da provincia de Ourense, 6 de distintas zonas de Galicia, e incluso expositores de Chaves e Castela e León, convertendo o evento nun auténtico crisol de tradicións e sabores.
Un programa para gozar en familia
A programación está deseñada para ofrecer actividades pensadas para todos os públicos, con especial atención aos máis pequenos da casa. Todos os días, entre as 16:30 e as 19:00 horas, haberá actividades como:
- Venres 6 de decembro: Obradoiro de doces de nadal
- Sábado 7 de decembro: Tarde máxica con Papá Noel e obradoiros de cartas e manualidades
- Domingo 8 de decembro: Obradoiro «O boneco de neve váiselle a pinza» e obradoiro de postais viaxeiras.
Ademais, a animación musical será un dos grandes atractivos da Feira de Nadal, con actuacións en directo que acompañarán ás actividades durante toda a fin de semana.
O sábado 7, ás 12:00h actuará a Coral de Verín e o domingo 8 ás 12:00h haberá un espectáculo musical familiar denominado «Aldeas de Nadal» que poñerá o broche musical a esta edición.
O evento rematará coa entrega de premios ao mellor stand da feira e o sorteo dunha cesta de Nadal con produtos dos expositores. A entrega de premios e o sorteo realizaránse o 8 de decembro ás 19:45, antes do peche do recinto feiral.
«A Feira de Nadal de Verín convértese un ano máis nunha cita imprescindible para todos aqueles que desexen mergullarse no espírito do Nadal, combinando tradición, diversión e oportunidades para atopar agasallos únicos» aseguran dende o goberno local.