A Deputación de Pontevedra confirma que Rías Baixas segue a liderar todos os rexistros turísticos en Galicia. Neste caso, en outubro liderou novamente o ranking de destinos turísticos galegos, coa maior ocupación e o maior número de persoas visitantes. Ademais, os datos do Instituto Nacional de Estatística confirman que o turismo estranxeiro segue a medrar na provincia, cun 6% máis de visitantes que en outubro de 2023, tal e como explican desde o ente provincial.
Segundo os datos da Deputación,a provincia de Pontevedra recibiu en outubro de 2024 o 32,5% dos visitantes que acudiron a Galicia ao longo do mes, segundo os datos remitidos ao organismo provincial polo INE. En liñas xerais o 65% foron persoas procedentes do conxunto de España e o 35% do estranxeiro. Alén diso, a ocupación foi do 44,28%, superior á rexistrada en outubro do 2023, e que supón tamén a maior porcentaxe dos destinos galegos.
No que respecta ao mes de novembro a oficina do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, recibiu ata a data preto de 400 visitantes. Na súa maioría procedentes do territorio español (71%), principalmente de Madrid e Barcelona, fronte ao 29% de turistas estranxeiros que chegaron desde Estados Unidos, Francia, Portugal e Arxentina.
Ademais, ata esta data de novembro os castelos de Soutomaior e Sobroso foron visitados por preto de 2.600 persoas e os Camiños cara Compostela que atravesan a provincia de Pontevedra por 3.327 peregrinos, o que supón un incremento do 25%. Entre os peregrinos, a vía máis percorrida é o Camiño Portugués (1.885 peregrinos), seguidos do Camiño Portugués pola Costa (1.175), a Vía da Prata (220) e o Camiño de Inverno (64).