O municipio do outro lado da raia, Monçao, inaugura este venres o seu Nadal co encendido das luces. O evento terá lugar a partir das 19:00 horas locais na Praza Deu-la-Deu e, segundo avanzou a localidade, haberá sesións de fogos artificiais así como animación nas rúas.
A Cámara Municipal indica que «a tradición continúa con moita luz, cor e unha programación cultural diversa, con especial énfasis nas que están dirixidas aos máis pequenos e ás máis pequenas» polo que o público que asista á inauguración da tempada «máis máxica do ano» en Monçao poderá desfrutar de fogos artificias así como de diversas actuacións na na Praza Deu-la-Deu. Ata 20 corais serán as encargadas de poñer música ao evento.
Mercado de Nadal
Ademais, tamén o mesmo 29 de novembro terá lugar a apertura do Mercado de Nadal de Monçao no que haberá postos de artesanía da asociación local. Este mercado estará instalado na Praza Deu-la-Deu ata o 15 de decembro.