O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Vías e Obras, está a punto de finalizar as obras de saneamento da Levada, na parroquia de Mosende. Este proxecto, que beneficiará a un total de cinco vivendas, executouse cunha inversión superior aos 47.300 euros. Estas obras foron financiadas a través do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.
“As obras consistiron na instalación dun colector de saneamento con tuberías de PVC compacto de 250 milímetros de diámetro. Este recolle as augas fecais das vivendas ata a súa conexión coa rede existente na estrada provincial”, explicou o concelleiro Ramón Porto. No tocante ás augas pluviais, ao tratarse dun ámbito rural sen beirarrúas, as augas das choivas canalizábanse a través das cunetas. Con todo, o proxecto tamén contemplou a construción de novas beirarrúas que resolverán este problema, mellorando así a recollida e drenaxe de pluviais. Así mesmo, deuse saída a unha fonte, completando as melloras realizadas na contorna.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que a acometida do saneamento segue a ser unha das prioridades do goberno municipal. Este continúa avanzando con paso firme para conseguir o saneamento integral de todo o municipio. Neste sentido, lembrou que se elaboraron os proxectos da rede pendente, co obxectivo de axilizar os trámites administrativose dar pronta execución aos traballos.