jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsActualidadeRouban a unha anciá en Poio empregando o 'timo da estampita'

Rouban a unha anciá en Poio empregando o ‘timo da estampita’

Unha muller de 91 anos e veciña do municipio de Poio sufre un furto de 2000 euros e do seu carriño da compra tras ser abordada por dous descoñecidos que lle ofreceron facer un trato económico.

Os feitos tiveron lugar na mañá do pasado martes 19 de novembro e tal e como informa a Policía Local de Poio «a muller, tras sufrir o roubo, achegouse á xefatura moi nerviosa solicitando axuda aos axentes«. Nese mesmo momento, mobilizouse a unha patrulla que logrou recuperar o carriño no interior dun contedor de lixo na Caeira.

Segundo as autoridades, a muller «foi vítima do ‘timo da estampita» que consiste en que os timadores se achegan a persoas, xeralmente maiores, na rúa ofrecendo facer un trato rápido. Contan con paquetes de diñeiro dentro dunha bolsa ou mochila que mostran e insisten en realizar o cambio deses billetes por unha cantidade de cartos menor.

Habitualmente, ofrecense a acompañar a vítima ao banco ou ao domicilio para que poida retirar o efectivo que lle piden. Cando fan o cambio e se retiran, a vítima comproba que os billetes son falsos, son recortes de xornal ou fotocopias de billetes.

No caso da veciña de Poio, «os dous descoñecidos achegáronse á señora nas proximidades da rotonda da Barca, e ensináronlle unha mochila que supostamente estaba chea de cartos. Os autores acompañaron á vitima en coche ata a casa da anciá, conseguindo levar un botín de 2000 euros» relatan dende a Policía Local de Poio.

A Policía local logrou recuperar o carriño e identificar un vehículo, agora continúase coa investigación para lograr dar co paradoiro dos autores.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS