domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas celebra o seu pleno infantil

Ponteareas celebra o seu pleno infantil

Na semana na que se conmemora o Día Mundial da Infancia, o Concello de Ponteareas celebra o seu pleno infantil no que escoitar e recoller as demandas dos nenos e mozos. Aínda que esta non é a única vía para a comunicación directa co goberno e así o quixo recalcar a alcaldesa Nava Castro. “Estamos abertos a escoitarvos ao longo de todo o ano. Para iso puxemos en marcha o programa Conecta Xoven, para escoitarvos e para ter en conta todas as vosas necesidades e suxestións. Ademais, deseñar así unha vila amiga da infancia non conformándonos tan só cun título”, afirma a rexidora local.

A voz da infancia e da xuventude encheu o salón de plenos da Casa do Concello coas intervencións de Cecilia e Lucas do CEIP Feliciano Barrera. Así mesmo coa de Mía e Brian CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera e Casandra e Juan do CEIP Santiago Apóstol. Participaron tamén Paula e Lea do CPR Plurilingüe La Inmaculada e Gabriel e Erea do CPR Plurilingüe Santiago de Oliveira. Por último, interviñeron Hugo e Evelyn do IES Barral; Bibi e Mateo do IES Pedra da Auga e Laura e Noela do IES Val do Tea.

Tamén participaron os concelleiros de Xuventude, Cristian Estévez, a concelleira de Benestar Social, Raquel Planas e o concelleiro de Ensino, Ricardo González. Ademais, interviñeron os concelleiros da oposición Manoel Ucha, Vanesa Fernández e Miguel Bouzó, así mesmo, a alcaldesa e profesorado que formaba parte do público.

Pleno infantil

Máis canles de participación como encontros programados, unha aplicación propia da infancia para trasladar necesidades e canles de difusión específica con temas de interese infantil foron algunhas das peticións. Tamén unha pasarela de acceso ao IES do Barral e un pavillón para o CEIP Feliciano Barrera que tamén poida usar a veciñanza. Así mesmo, solicitouse melloras de pavimentación e sinalización nos accesos aos centros, participación a través da creación de murais e un complexo de piscinas públicas abertas ao exterior. Programas de apoio para unha mellor saúde mental e un redeseño dos métodos de participación foron outras das cuestións trasladadas.

Concelleiras e concelleiros da Corporación eloxiaron as intervencións do alumnado e salientaron non só a importancia das súas aportacións se non tamén o seu talento na exposición. “A infancia é para este goberno fundamental e por iso queremos darlle voz e potenciar a súa participación. Xuventude e infancia son o presente e tamén o futuro, apostamos pola súa formación, por apoios para introducilos no seu primeiro emprego e tamén por unha programación que sexa do seu gusto e que atopen na súa vila todo o que precisan para o seu tempo de lecer e formación dentro das nosas competencias e cando non o son xestión para conseguilo”, sinalou a alcaldesa.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS