O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación de dous materiais destinados ao Camiño Francés. Estes son a Guía Dixital e o manual de identidade corporativa da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés. Xosé Merelles puxo en valor estes elementos froitos dun acordo con esta entidade, unha alianza dinámica e de gran produtividade, que permite “garantir unha boa acollida aos peregrinos”.
Durante a súa intervención, salientou ademais que o roteiro francés é o máis concorrido, con practicamente o 50% dos peregrinos que chegan cada ano a Compostela. “O Camiño transmite cultura, identidade, pero tamén xera riqueza e actividade produtiva”, salientou. Tamén afirmou que “no que vai de ano, foron xa máis de 233.000 peregrinos os que fixeron este roteiro, un 8% máis que no mesmo período de 2023”.
Os novos materiais do Camiño Francés
O acto tivo lugar no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Referíndose á Guía Dixital do Camiño Francés, o director de Turismo de Galicia destacou que “anima a facer o roteiro xacobeo. Abre todos os sentidos para así descubrir a potencialidade enriquecedora das paisaxes, sabores, sons e emocións que provoca o paso polos once concellos da Mancomunidade” durante os 160 quilómetros que suman este treito galego.
Ademais, Xosé Merelles enmarcou a edición desta guía “na nosa estratexia de dixitalización que desde Turismo de Galicia queremos impulsar para 2025”. Apoia a modernización e innovación do sector, e tamén no Plan Director dos Camiños de Santiago dotado con máis de 100 millóns de euros. “Nel inclúense medidas de conservación, mantemento dos roteiros e outras moitas iniciativas para seguir facendo un Camiño a Santiago cada vez mellor”, asegurou.
En canto ao manual de identidade corporativa da Mancomunidade, o director de Turismo de Galicia destacou que se trata “dun instrumento de gran utilidade. Afianza a unidade dos Concellos ao redor do Camiño de Santiago e que ofrece así unha imaxe compacta e única”.