Esta tarde celebrouse no Concello de Mos a recepción a dous grandes deportistas mosenses que veñen de triunfar a nivel internacional. Son veciños das parroquias de Mos e Petelos e triunfan nas súas respectivas modalidades deportivas, baile deportivo e atletismo. Trátase de Patricia Martínez e Ismael Lago.
A gran bailarina Patricia Martínez, que leva 26 anos competindo, participou o pasado 1 de novembro en Schladming, Austria, no Campionato do Mundo Adult Master 10 Bailes. Esta modalidade implica a unión de Standard e Latinos. Xunto á súa parella, Jacopo, representou a España obtendo por terceira vez a Medalla de Bronce.
Foi unha competición bastante dura con 4 roldas moi intensas. Previamente, o pasado día 10 de outubro, Patricia Martínez e a súa parella Jacopo, comezaron a tempada en Koper, Eslovenia. Participaron como cada ano nun dos 4 Open Championships que neste caso foi o International Championships. Así mesmo, conseguiron entrar por primeira vez na Final na modalidade Standard, cuxo nivel e altísimo, e manterse na Semifinal de Latinos.
Finalizado Koper, o xoves 17 de outubro puxeron rumbo a Toronto para representar a España no Dancesport Grand Prix Canadá. O venres 18 participaron no Campionato do Mundo Adult Master Latinos, obtendo a décima posición. O sábado 19 no Campionato do Mundo Adult Master Standard, conseguindo entrar na Final por primeira vez na carreira de Patricia, e obtendo a sexta posición. Este era un dos seus soños desde nena, estar nunha final cos mellores, no Top Mundial.
Pola súa banda Ismael Lago, da Veigadaña, participou do 15 ao 18 de outubro en Braga, Portugal, nos Xogos Europeos de Policías e Bombeiros representando á Policía Nacional. Logrou un total de tres medallas en tres probas realizadas: un ouro en Dúatlon e dous pratas en Campo a través e na carreira de 5 quilómetros.