O VII Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo terá lugar o 18 de xaneiro no Instituto Ferial de Vigo (IFEVI) e nel participarán 15 agrupacións procedentes de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui, e no que reunirá, tendo en conta as anteriores edicións, unhas 5.000 persoas.
Na presentación do certame o pasado martes 19 de novembro, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, lembrou que a Xunta achega a esta iniciativa 60.000€, 5.000€ máis que na anterior edición, co obxectivo de «apoiar a conservación a difusión dunha tradición que forma parte da nosa cultura de base«. Neste sentido, quixo por en valor «o traballo realizado por estas agrupacións tan estreitamente vinculadas co pobo».
Do mesmo xeito, tamén gabou o labor da federación que agrupa as rondallas da área viguesa «por ser punto de unión para a veciñanza e pola paixón e esforzo por manter viva esta forma de expresión de xeración a xeración».
As rondallas da Área Metropolitana de Vigo, que contan con arredor de 100 compoñentes cada unha, teñen a particularidade de interpretar as súas pezas con obxectos como poden ser as cunchas e non con instrumentos de corda como é o habitual.