A maxia do Nadal chega O Porriño este sábado, 23 de novembro, co tradicional acendido da iluminación. Un evento que marca o inicio das celebracións máis entrañables do ano. A cita, que promete encher de ilusión as rúas da vila, comezará ás 17.30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios e estenderase ata o final da xornada. O Porriño converterase nun verdadeiro escenario de luz e música. Como xa é costume, serán os usuarios e usuarias de Aceesca quen, coa súa mensaxe de esperanza e os seus sorrisos, se encarguen de pulsar o botón que acenderá o Nadal. Un xesto cheo de simbolismo e de calor humana que, ano tras ano, emociona a pequenos e maiores.
O evento iniciarase ás 17.30 horas cunha dobre dose de cultura e tradición. A primeira será a actuación do grupo Folk da Escola de Música do Porriño. Tamén actuará o grupo de gaitas da Asociación Cultural os Penediños de Atios. Ás 19.00 horas chegará o momento máis esperado. Este será o aceso das luces que adornarán as rúas, parques e prazas do municipio, creando unha atmosfera única e máxica.
A cerimonia contará co pregón a cargo de Aceesca, unha mensaxe de empatía e inclusión para todos os porriñeses. Unha vez que O Porriño brille coa luz do Nadal, a festa continuará co concerto de King Kids e para culminar a noite coa mellor das enerxías, a sesión de Dj Dorman poñerá o broche de ouro.