Un operario do sector forestal perdeu a vida no lugar de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade. Minutos despois das 12:30 horas, un particular alertaba ao 112 Galicia dun incidente nunha zona de monte da parroquia. Nesta alerta sinalaba que un home quedara inconsciente mentres realizaba labores forestais.
Segundo as primeiras informacións, o home atopábase subido a un árbore pero os seus compañeiros lograron baixalo ao chan. Con todo, a situación complicouse debido ao difícil acceso á zona na que se produciron os feitos.
De inmediato, os xestores de Emerxencias solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, así como da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.
Xa no lugar, os membros de Protección Civil advertiron de que o acceso era complexo e que sería necesario empregar medios adicionais para trasladalo ata os vehículos medicalizados. Con todo, e a pesar dos esforzos realizados, o equipo sanitario só puido confirmar o falecemento do home. As forzas da orde traballan para esclarecer os feitos.