O Concello do Porriño, en colaboración coa Asociación Protectora de Animais INMA, puxo en marcha unha campaña solidaria para axudar a atender ás colonias felinas do municipio. A campaña ten como obxectivo recadar recursos básicos para os gatos que viven na rúa, e está dirixida a toda a veciñanza que queira colaborar con esta causa. As doazóns serán distribuídas entre as colonias felinas xestionadas por voluntarios locais. Estas consisten principalmente en alimentos secos, latas de comida e area para gatos.
O primeiro punto de recollida será a Praza de Abastos, dispoñible hoxe e o vindeiro martes en horario de mañá. Ademais, habilitarase un punto recollida permanente durante unhas semanas nas instalacións do Concello de Porriño. Na primeira planta poderase deixar a axuda durante toda a semana.
A concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, destacou a importancia desta iniciativa. «Este tipo de accións solidarias non só axudan a coidar aos gatos que viven na rúa, tamén sensibilizan sobre a necesidade de controlar e coidar das colonias. É fundamental que todos os que podamos contribuír nos unamos a esta causa», asegura Carrera.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, agradeceu a colaboración de INMA e de todos os veciños. «Cada achega, por pequena que sexa, marca unha gran diferenza na vida destes animais. Grazas ao esforzo conxunto, poderemos seguir coidándoos», afirma o rexidor.
Cabe destacar que O Porriño conta cun grupo de voluntarios que, ao longo do ano, encárganse de alimentar e coidar aos gatos que viven na rúa, pero o seu traballo necesita de todos para ser sostible. Por outra banda, desde o concello está a levarse a cabo o control destas colonias prestando atención veterinaria e levando a cabo a esterilización mediante o método CES.