A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o seu segundo tenente de alcaldesa e concelleiro de Igualdade, Leo Costas, presentaron as actividades da programación do 25N. Esta axenda polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller pretende «crucificar» a violencia machista en todas as súas manifestacións. A primeira das iniciativas incluídas na programación municipal tivo lugar onte no Pazo de Mos, a Mesa local contra a violencia de xénero.
“O próximo luns 25 de novembro conmemorase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller. Un día no que queremos «crucificar», tal e como se expresa no deseño do cartel deste ano, a violencia machista en todas as súas manifestacións. A física, económica, psicolóxica, vicaria e dixital que sofren as mulleres. Tamén queremos seguir traballando en colectividade cos centros educativos, as familias e as entidades sociais na construción dun presente e dun futuro no que ningunha muller sexa vítima de violencia. Un compromiso activo de todos para por fin as actitudes que levan consigo a violencia”, declararon os representantes municipais, Arévalo e Costas.
Por elo, dende o Concello de Mos en xeral e a concellería de Igualdade en particular, “convidamos a toda a poboación a participar nos actos de homenaxe que o vindeiro 25 de novembro imos levar a cabo” comentan rexedora local e edil de Igualdade.
Programación do 25N en Mos
Os devanditos actos consisten, por un lado, na homenaxe ás 40 vítimas de violencia que perderon a vida a man das súas parellas ou ex parellas e ás 11 crianzas vítimas da violencia vicaria. Terá lugar ás 17.30 horas na rotonda das Angustias, parroquia de Sanguiñeda. Tamén o luns 25 de novembro, ás 19.00 horas, no Pazo de Mos, levarase a cabo o Pleno Ordinario mensual, no que se realizará un manifesto de repulsa e acompañamento a dor das familias.
Estes días lévanse a cabo charlas e obradoiros para o alumnado e as familias dos centros educativos. Hoxe tivo lugar unha charla para as familias da ANPA do Ceip Pena de Francia. Foi da man da Fiscal Paula Blasco e a avogada do CIM Ana Rodríguez Cabaleiro. O 26 de novembro será o turno para a ANPA do Ceip Atín-Cela. Para o alumnado do IES o vindeiro día 22 realizarase unha actividade do programa Xénero Educa, do Grupo Koremi, dirixida a alumnado de 1º da ESO. O obxectivo é proporcionar ao alumnado ferramentas para recoñecer e identificar as primeiras violencias machistas. Ademais, haberá unha formación para 4º da ESO sobre violencia sexual, concedida pola Dirección Xeral de Loita contra á Violencia de Xénero.