O Concello de Tui presenta este mércores, 20 de novembro, ás 20.00 horas na Sala Municipal de Exposicións, o libro “Silverio Rivas”. A obra foi editada pola Fundación Xoán Piñeiro co apoio do Concello de Tui así como da Consellería Cultura da Xunta de Galicia e do Concello de Ponteareas.
Este é o segundo volume de Nerga que, como colección de libros monográficos promovida pola Fundación Xoán Piñeiro, quere seguir contribuíndo a pensar sobre a escultura. Este libro pretende descubrir a teima do escultor ponteareán e con estudo en Paramos, Tui “pola escultura pública. Tamén pola constante exploración da materia, pola alta expresión poética e polo xogo que imprime aos proxectos que realiza”, segundo a Fundación Xoán Piñeiro.
O libro é unha viaxe polas coordenadas históricas dunha vida dedicada á cultura e á escultura. Ademais, está coordinado polo investigador e profesor do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Miguel Anxo Rodríguez González. “Silverio é un dos artistas que máis contribuíu á transformación da paisaxe urbana na nosa terra desde a arte, coas súas esculturas, desde as últimas décadas do século XX”, afirma o coordinador.
Silverio Rivas na historia da arte galega
A relevancia de Silverio Rivas na historia da arte galega recente evidénciase polo importante volume de traballos publicados que se teñen achegado sobre a súa obra. O libro ofrece un percorrido pola pegada do autor no eido da escultura. Ademais, achega unha biografía que parte dende a aldea natal en Fontenla, Ponteareas, a Madrid, Francia, ata o seu taller en Paramos, Tui. A obra conta coa participación da doutora pola Universidade de Santiago de Compostela e investigadora Uxía González-Otero. Tamén participou Jorge Viz González, doutor en Historia da Arte pola USC.
A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, sinala que este libro xorde como un novo recoñecemento á importancia do creador galego. Isto no concepto de arte pública con obras que impactan e abrazan os espazos. Silverio Rivas conta cunha escultura na cidade de Tui. En concreto á destinada á memoria dos represaliados na guerra civil e na ditadura franquista instalada na Alameda tudense.
Desde que instalou o seu obradoiro na parroquia de Paramos, Silverio Rivas mantén unha ampla relación coa cidade de Tui. Isto levou a que o Concello de Tui o distinguise no ano 2021 co premio “Cidade de Tui” na categoría individual.
Sonsoles Vicente anima aos veciños de Tui a asistir a esta presentación aberta ao público ata completar o aforo. No acto participará Xesús Vázquez González, presidente da Fundación Xoán Piñeiro e Miguel Anxo Rodríguez González, coordinador do libro. Tamén Enríque Cabaleiro González, alcalde de Tui e pechará esta presentación o propio escultor, Silverio Rivas.
Silverio Rivas (1942)
Inicia a súa formación artística no taller de ebanistería do seu pai, e posteriormente, cursa estudos na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Nesta recibe clases de mestres como Camilo Nogueira. Aprende a técnica de escultura en bronce no taller de Xoán Piñeiro, e recibe unha bolsa que lle permite ampliar coñecementos en Madrid na Escola de Artes e Oficios e no Círculo de Belas Artes.
Así mesmo, traballará dous anos no taller do escultor Francisco Barón. Realiza a súa primeira mostra individual en Caixavigo en 1971, e tras esta experiencia, expoñerá en cidades de España e europeas como Munich, Bruxelas, Dublín, París, Frankfurt, O Porto ou Lisboa, entre outras.
Ademais, participa no Laboratorio de Formas de Sargadelos de 1976, onde desenvolve as súas cerámicas articuladas. Tres anos máis tarde instálase en París; na capital gala abre un estudo que manterá ata a actualidade. Ademais, residirá en Bélxica e Holanda, e desde 1986, vive e traballa no seu taller de San Xoán de Paramos (Tui). Membro do grupo Atlántica, foi galardoado co Premio da Crítica Galicia (1992) e co Premio Laxeiro (2015).