lunes, noviembre 18, 2024
InicioNewsActualidadeTui presenta a súa programación con motivo do Día Internacional contra a...

Tui presenta a súa programación con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O Concello de Tui presenta a programación que ten preparada para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero baixo o lema “Que a vergoña cambie de lado. A nosa voz, contra as violencias machistas!”.

O programa conta con actividades reivindicativas, formativas e de reflexión nas que participarán a comunidade educativa tudense, entidades feministas, corpos de seguridade, institucións e profesionais da cultura, entre outros.

A primeira das actividades terá lugar o próximo mércores 20 de novembro. Ás 19:00h terá lugar no edificio Francisco Sánchez a charla en clave de humor «A ciencia da adolescencia» impartida pola actriz Arantxa Treus e a divulgadora científica Leticia Costas.

Os martes 19 e 26 de novembro desenvolverase formación para axentes que interveñen na loita contra a violencia machista e na promoción da igualdade co obxectivo de avanzar na constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

O luns 25 de novembro será o día central da programación con dobre acto reivindicativo. Por unha banda, ás 11:30h na praza de San Fernando desenvolverase un acto colectivo e participativo en colaboración coa comunidade educativa do municipio e no que participarán tamén a poeta Yolanda Castaño, a cantante Wöyza, e a bailarina Yara Juncal e os centros educativos darán lectura aos seus manifestos do 25N.

Xa pola tarde, ás 18:00h na praza do Concello celebrarase o acto institucional a cargo da escritora Rexina Vaga que dará lectura ao manifesto. Ademais, haberá unha performance titulada «Non violarás» realizada por Neves Seara e Catuxa Salom.

Dentro da mesma programación polo 25N, o mércores 27 de novembro ás 19:00h presentarase o libro «Os anos tranquilos» de Llerena Perozo.

O sábado 30 pecharase a programación coa performance de Iria Sobrado, «Corazón«, que terá lugar no mercado de San Antonio.

Xunto a estas actividades desenvolveranse tamén outras iniciativas coma programas formativos e charlas informativas en centros educativos «nunha clara aposta polo traballo dende a base e as novas xeracións» aseguran dende a entidade municipal. Por outra banda, a Radio Municipal de Tui contará dende o luns 18 ao mércores 27 cun espazo dedicado ao 25N na súa programación matinal.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS