O Concello do Porriño, a través da Concellería de Deportes que dirixe Abel Estévez, formaliza o seu apoio ao piloto local Yago Martínez. Esta acción é por medio dun patrocinio económico de 3.000 euros. Este respaldo ten como obxectivo non só apoiar a súa carreira deportiva, senón tamén resaltar a valía dun deportista de élite porriñés que leva o nome do seu pobo por todo o mundo.
O piloto porriñés prepárase para unha nova etapa na súa carreira. En 2025, dará o salto ao Campionato do Mundo de Enduro, onde competirá dentro da estrutura KTM Eric Augè WP. «Creo firmemente que vou sacar moi bos resultados», afirma con determinación. Ademais, continuará a súa participación no Campionato Nacional de Motocross.
O apoio do Concello do Porriño a Yago Martínez non só é un impulso para a súa carreira, senón tamén unha mostra do seu compromiso co deporte de elite. “É unha honra poder apoiar a un deportista como Yago. Non só representa ao Porriño a nivel nacional e internacional, senón que inspira a moitos mozos e mozas para seguir os seus soños. Tamén a traballar con constancia para lograr as súas metas”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Yago Martínez
Yago Martínez, veciño da parroquia de Atios de 23 anos, comezou a dar os seus primeiros pasos no motocross aos tres anos, influenciado polo amor do seu pai por este deporte. O que empezou como un hobby converteuse, co paso dos anos, no seu traballo e a súa forma de vida. Hoxe, Yago compite na élite deste deporte, destacando nas citas máis prestixiosas tanto a nivel nacional como internacional.
Cunha traxectoria impecable, Yago logrou tres campionatos de España e, actualmente, está a competir no Mundial de Motocross (MXGP), o campionato máis prestixioso do mundo. “De neno tiven un soño, agora teño un plan”, explica o piloto, quen soubo superar os obstáculos e contratempos da súa carreira deportiva para chegar á cima. “O seu éxito é froito do traballo constante, da capacidade de aprender dos momentos difíciles e da paixón que sinte polo que fai”, explica o rexedor, “Sei que a súa carreira deportiva chegará moito máis lonxe e é para nós un orgullo poder axudalo a conseguilo”.
Entre os seus logros máis destacados atópanse o título de Campión de España de Supercrós en 2014. Tamén o de Subcampionato de España MX-sub18 en 2018, que revalidou en 2019, e o Campionato de España MX-sub18 en 2020. Ademais, foi catro veces Top 5 no Campionato de Europa EMX250. Subiu ao podio en varias ocasións e situouse entre os mellores no Campionato de España MX1, onde terminou terceiro en 2023. Este ano, Yago proclamouse Subcampión de Italia Prestige MX2, un resultado que reforza aínda máis a súa proxección internacional.