O Concello do Porriño incorporou esta semana a tres novos traballadores a través do programa +EMPREGA Concello do Porriño 2024. As novas incorporacións reforzarán áreas estratéxicas para o desenvolvemento social e cultural do municipio.
Un deles súmase ao departamento de cultura e desenvolverá tamén tarefas na Biblioteca Municipal. Outra, desempeñará funcións técnicas en prospección e formación, un ámbito clave para impulsar o emprego e a capacitación laboral no municipio. Finalmente, súmase un perfil técnico especializado en selección de persoal, que apoiará a xestión de recursos humanos tamén en Porremprego.
Estas contratacións formalizáronse baixo a modalidade de contrato formativo, deseñado para adaptar a práctica profesional ao nivel de estudos dos seleccionados, nestes casos titulados universitarios cunha duración de 12 meses.
“A promoción do emprego, a inclusión social, a cultura e a mellora continua do servizo que se presta a veciñanza ocupan un lugar central na nosa xestión e estas incorporacións reforzan esta liña de traballo ”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo quen, xunto coa concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, deu a benvida aos novos traballadores no seu primeiro día.