O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos decretos polos que aproban o escudo e a bandeira do concello ourensán de Ribadavia. Este municipio xa recibira informe favorable na reunión da Comisión de Heráldica do pasado 28 de outubro.
Este órgano consultivo da Xunta de Galicia está adscrito á consellería competente en materia de réxime local. Ademais, é o encargado de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.
Segundo vén definido no decreto, no caso do Ribadavia a bandeira leva o pano azul e, ao centro, unha torre de branco flanqueada do sol e a lúa de amarelo.
No caso do escudo é de azur (azul) e sobre ondas de prata (branco), a ponte defendida de prata e, nos flancos, o sol e a lúa de ouro (amarelo). Ao timbre, a coroa real pechada.
O Goberno galego leva aprobados un total de 285 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta. Isto tras a petición dos respectivos concellos de adoptar, modificar ou rehabilitar os seus símbolos, en aplicación do Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que os regula.
Os municipios e as demais entidades locais de Galicia poden adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos. Tamén modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen. Isto baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme as normativas de heráldica.
Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia. Sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.