O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe o labor dos máis de 300 efectivos galegos que se desprazaron á Comunidade Valenciana para colaborar tras a DANA do pasado 29 de outubro. Así, púxoos como exemplo da solidariedade e o alto nivel dos profesionais cos que conta Galicia. “Estamos por orgullosos de vós, de como se fixo o traballo. Demostrastes que temos uns servizos de emerxencias magníficos”, indicou Rueda.
Así o manifestou durante un encontro con parte do persoal que estivo coordinado polo Goberno galego que acaba de regresar. Neste acto estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Ademais, expresou o seu agradecemento e recoñecemento a todos os que se desprazaron desde distintos puntos da comunidade.
Neste sentido, eloxiou o compromiso, “a solidariedade e eficacia” que amosaron nas localidades onde foron requiridos como Paiporta, Picanya, Massanassa e Alfafar. Nestas zonas participaron en tarefas de busca de vítimas, achique de auga en baixos e sotos, retirada de vehículos, cepillado de rúas e eliminación de barro e escombros, entre outras accións fundamentais para a súa recuperación.
Un gran equipo
Rueda quixo facer unha mención especial a todos os profesionais e voluntarios que colaboraron nesta resposta de emerxencia. En concreto, aos 82 membros e voluntarios de Protección Civil e os 116 bombeiros municipais e dos consorcios provinciais, xunto cos de Navantia. Tamén aos 80 efectivos de Medio Rural; preto dunha vintena de integrantes dos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal); así como aos membros da Policía Autonómica.
Ademais, mencionou ao persoal do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) e de emerxencias, e os de Casaga (Cans de Salvamento de Galicia) e da Asociación de Intervención, Axuda e Emerxencias (IAE). Así mesmo, tamén agradeceu á tripulación do helicóptero Pesca 1 que viaxou ao día seguinte da catástrofe para axudar á busca de desaparecidos desde o aire.
O presidente concluíu comprometendo o apoio da Xunta no proceso de recuperación e rehabilitación das zonas afectadas que quede agora por diante, asegurando que Galicia seguirá dispoñible para calquera nova colaboración que precise a Comunidade Valenciana.