Tres novos profesionais prestarán os seus servizos no Concello de Ponteareas grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra a través do plan +Emprega. Serán unha persoa técnica en medio ambiente, unha técnica en emprendemento e unha auxiliar de clínica. Así mesmo, traballarán durante doce meses para contribuír á mellora dos servizos prestados a cidadanía.
A alcaldesa, Nava Catro, recibiu a estos novos traballadores que se incorporan aos departamentos de Emprendemento e de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, ambos están dirixidos pola concelleira Silvia Fdez. Táboas, e ao departamento de Benestar Social que dirixe a concelleira Raquel Plana. Tamén desenvolverán as súas funcións no departamento de Comercio.
“O traballo destas tres persoas sumarase ao desenvolto polos traballadores municipais e funcionarios. Será co dobre obxectivo de mellorar a súa situación laboral neste tempo e tamén ofrecer apoio nos servizos que prestamos á cidadanía. As novas incorporacións enriquecen o traballo diario e agardamos que o seu paso por Ponteareas sexa satisfactorio”, explica a alcaldesa.
O plan +Emprega
+Emprega é unha iniciativa integral e estratéxica para o emprego e o desenvolvemento económico na provincia. O principal obxectivo de promover a inclusión social e o desenvolvemento económico e social. Esta finalidade desenvólvese a través da creación de emprego de calidade e do fomento da empregabilidade dos cidadáns.
A concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas, sinala a importancia que ten para toda a sociedade a promoción do traballo e que dende o seu departamento colaboran, establecen alianzas e solicitan todos os programas posibles. Grazas a esta actitude activa Ponteareas conta hoxe xa co segundo obradoiro de emprego, o segundo PIE, o primeiro obradoiro de emprego xuvenil e o programa xuventude mentoring na empresa.
Este proxecto ten como obxectivo dotar os mozos desempregados e, en xeral, as persoas desempregadas da provincia dunha primeira experiencia profesional. A finalidade tamén é que adquiran competencias e habilidades sociais e profesionais, empatía, creatividade, dotes de liderado e capacidade de adaptación, entre outras calidades relacionadas coa actitude da persoa traballadora.