Cambio na programación do acendido das luces de Nadal en Ponteareas, que estaba previsto para o 5 de decembro. Segundo puido saber Si Radio, o acto de acendido adiántase ao domingo 1 de decembro.
A inauguración terá lugar ao anoitecer na Praza Bugallal, que ao igual que en anos anteriores, está cuberta cun manto de luces LED. A partir dese día, a vila do Tea quedará iluminada pola maxia que caracteriza a esta época do ano.
Aínda queda por desvelar o resto da programación que ideou o Concello para este ano. No 2023, levouse a cabo un mercado con diferentes casetas así como representacións teatrais, musicais e un espectáculo de video mapping no que o Corpus Christi e a célebre Menina de Ponteareas eran os protagonistas.