A Xunta abre o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea. Así se recolle na Orde que publicou onte o Diario Oficial de Galicia (DOG), co fin de regular e autorizar a pesca desta especie nesta zona, así como fixar o período e as condicións para poder participar na tempada.
O período hábil estenderase do 1 de febreiro ao 15 de maio e realizarase en días alternos. Os luns, mércores e venres, desde as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados, desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 08.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns. Polo tanto, permítese a pesca desde as 21.00 horas do día autorizado ata as 08.00 horas do día seguinte.
A lamprea e a súa pesca
A lamprea é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento. Neste séguense a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado.
Así, as lampreas péscanse desde pontóns de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha poden pescar catro persoas, que accederán a estes postos para a colocación de estacadas mediante un sorteo público previo. Nesta ocasión terá lugar o próximo 17 de xaneiro de 2025 no refuxio da Freixa en Ponteareas, ás 11.00 horas.
O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir de hoxe, venres 15 de novembro. Unha vez finalizado este período, elaborarase unha lista cos admitidos e excluídos para participar no devandito sorteo. De acordo co número obtido, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de cuarta categoría para toda a tempada, logo de pagar o prezo público que corresponda e de presentar a licenza de pesca correspondente.
Ademais, como vén sendo habitual, entregaráselle a cada pescador, xunto cos permisos, un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá manter debidamente cuberto e sempre á disposición das autoridades competentes.