Este sábado, 16 de novembro, cúmprense 117 anos do nacemento de Luís Soutullo Iglesias, «o gaiteiro de Lira». Debido ao aniversario, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e o Concello de Salvaterra de Miño organizan un acto de homenaxe. Será no cemiterio de San Simón da parroquia de Lira ás 12.00 horas onde se descubrirá a súa lápida en galego.
Actualmente no cemiterio só hai unha lápida cun epitafio en galego polo que este acto supón un compromiso coa lingua, coa historia e cultura. O Concello de Salvaterra quere así homenaxear a todos os defuntos, e nomeadamente ao «gaiteiro de Lira», porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu.
Este acto será amenizado polo grupos de pandereteiras e pandereteiros da parroquia e «Xistra de Coruxo», a asociación sen ánimo de lucro domiciliada en Coruxo (Vigo – Galicia). O principal obxectivo desta organización resúmese no estudio e divulgación dos costumes, músicas, cantos e danzas do folclore tradicional e popular galego.