Pontevedra celebra a Semana Lorquiana entre o 12 e o 16 de novembro da man do Museo de Pontevedra e do colectivo ‘Polo Correo do Vento’.
O obxectivo do evento é lembrar o paso do autor granadino pola capital da provincia en 1932 a través dun concerto ilustrado, unha andaina e unha serie de actividades para escolares.
O concerto ilustrado ‘Federico García Lorca, poeta galego’ terá lugar este xoves 14 de novembro ás 19:00h. Tratarase dun espectáculo dirixido a público adulto no que a través da narración, a música e a ilustración, realizarase un percorrido pola obra e a estadía galega de Federico García Lorca.
Por outra banda, as actividades escolares estarán enmarcadas entre o 12 e o 15 de novembro, e acudirán os centros escolares da cidade.
Por último, o sábado 16 ás 12:00h terá lugar a andaina pola cidade titulada ‘Federico García Lorca visita Pontevedra’. A saída será dende o Edificio Castelao, está dirixida a un público adulto e é preciso inscribirse previamente no e-mail polocorreodovento@hotmail.com.