jueves, noviembre 14, 2024
InicioNewsActualidadeO Porriño presenta a súa programación anual contra a Violencia Machista baixo...

O Porriño presenta a súa programación anual contra a Violencia Machista baixo o lema ‘Elas Somos Todas’

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade, presenta a programación anual de actividades destinadas a promover a igualdade e sensibilizar á cidadanía fronte á violencia de xénero, «un compromiso institucional que este ano se materializará baixo o lema Elas somos Todas» informaba a concelleira de Igualdade, Carolina González.

A programación arrincará o 25 de novembro, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa instalación na praza do Concello dun Punto Violeta que servirá de espazo simbólico e de apoio para informar, visibilizar e sensibilizar á cidadanía sobre a violencia de xénero. Ese mesmo día terá lugar un acto no que asociacións e clubs locais lerán un manifeto en memoria das mulleres vítimas da violencia machista durante o último ano. Ademais, a homenaxe contará coa actuación especial do coro de góspel de Rebeca Rods, ofrecendo un momento de recordo e reflexión.

«Ao longo do ano, levaranse a cabo unha serie de actividades e eventos que subliñan a implicación do Concello na loita pola igualdade de xénero e contra a violencia machista» aseguran dende o goberno local. Entre elas, destaca unha mesa redonda titulada “A violencia contra as mulleres en pleno século XXI”, na que profesionais do ámbito xurídico abordarán a problemática desde unha perspectiva técnica e actualizada.

Ademais, retomaranse as xornadas de defensa persoal feminina, abertas á participación da cidadanía e tamén con enfoque educativo nos centros escolares, en colaboración coa Policía Local, promovendo o desenvolvemento de habilidades de autodefensa e empoderamento.

Por outra banda, o concello presentará tamén o seu V Plan de Igualdade, que guiará as políticas públicas municipais nesta materia e reforzará responsabilidade coa creación dunha sociedade máis xusta e equitativa. Tamén levará a cabo un curso de saúde feminina orientado a mulleres, con especial atención nas zonas de Porriño centro e Torneiros, abordando aspectos de benestar e coidado persoal. Así mesmo, realizaranse formacións en igualdade dirixidas a corpos de seguridade e persoal do Concello, con especial implicación da Policía Local.

Desde a Concellería de Igualdade, Carolina González destaca «a importancia da implicación cidadá e o labor de concienciación. Co programa ‘Elas Somos Todas’ queremos lembrar que a loita contra a violencia de xénero non é unha cuestión illada, é unha responsabilidade de toda a sociedade. Cada acción conta, e xuntos podemos construír un pobo que rexeite de forma rotunda a violencia contra as mulleres.”

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, incidiu en que “as vítimas deben estar no centro da acción política”. O rexedor concluíu afirmando que “lamentablemente segue sendo moi necesario loitar por unha igualdade real e defender os dereitos das mulleres..»

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS