A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolve, por falta de probas, a ex presidenta da comunidade de montes Serra do Faro, acusada de apropiarse de fondos comunitarios e administrar de forma desleal a comunidade de montes que integran os veciños e veciñas das parroquias de Quins e Melón.
A acusada presidiu a comunidade entre o 3 de agosto de 2013 e o 20 de xuño de 2015, tempo no que levou a cabo a execución de tres obras que «consideran prexudiciais para a comunidade«. As obras realizadas foron o arranxo dunha pista, a plantación de piñeiros e a realización dunha memoria técnica para a construción dun punto de auga.
“Acúsaselle porque nos extractos bancarios obrantes en autos constan pagos efectuados por medio de cheques, sen que haxa constancia das persoas que foron as perceptoras e por qué motivación”, indica o tribunal na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o TSXG.