Este luns 4 de novembro dan comezo as obras de reforma da contorna do Mercado de San Antonio en Tui. A zona de actuación será a comprendida entre a rúa O Pilar e a rúa Maristas.
O obxectivo destas obras é lograr a integración da praza de abastos e o seu entorno coa renovación das rúas adxacentes con novo mobiliario urbano, sinalización e iluminación.
A empresa encargada de realizar a reforma é Xestión Ambiental de Contratas SL e acometerá as obras cun investimento de 754.292,1€ financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O prazo de execución é de dous meses e medio.
O obxectivo do proxecto a executar é «a humanización e ordenación da contorna da praza de abastos, dende o aparcamento traseiro, a mellora da dársena de carga e descarga, e o acondicionamento do punto de recollida de residuos. Contémplase tamén a instalación dunha estación para a recarga de vehículos eléctricos, así coma a instalación de alumeado exterior do entorno da praza e o soterramento do cableado» segundo informa o Concello de Tui.
«Ademais na praza cuberta que se atopa no exterior mercado instalarase un graderío que poderá acoller distintos actos. Tamén serán colocadas as taquillas refrixerantes» asegura o goberno local.
A causa da execución das obras e a medida que avancen os traballos haberá restricións e cambios no tráfico puntuais así coma nos accesos para carga e descarga que estarán debidamente sinalizados.