jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsDez anos de cárcere ao noivo dunha moza que faleceu tras unha...

Dez anos de cárcere ao noivo dunha moza que faleceu tras unha caída por non auxiliala en Ourense

A Audiencia Provincial de Ourense condenou, como autor responsable dun delito de homicidio por comisión por omisión do artigo 138, en relación co artigo 11 do Código Penal, a 10 anos de prisión ao acusado de matar, en xaneiro de 2020 na localidade de Barbadás, á súa parella, cuxo corpo foi localizado oito meses despois no leito dun río. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou o pasado mes de xuño nula a primeira sentenza emitida pola Audiencia Provincial, por alcanzar “unha conclusión diferente á emitida polos xurados, que atenderan a tese acusatoria”, polo que ordenou retrotraer as actuacións ao momento anterior a ditarse a resolución, a fin de que se ditase outra, de conformidade co veredicto de culpabilidade emitido polo xurado, que entendeu que o falecemento da vítima se produciu pola omisión de auxilio do investigado.

Na resolución, o maxistrado presidente do Tribunal do Xurado indica que o acusado, tal e como se considerou probado na acta do veredicto, “se atopaba presente no momento no que se produciu o traumatismo cranioencefálico vertebral da vítima e non lle prestou a asistencia necesaria para evitar o seu falecemento”.

Desta forma, entendeu acreditado que o falecemento da muller, que tiña 26 anos, “foi provocado pola falta de asistencia que debeu prestarlle a súa parella despois de producirse a súa caída nun punto non determinado”. O xurado asume, desta forma, a tese sostida polos médicos forenses de que as lesións que presentaba a vítima foron consecuencia dunha caída por precipitación, que entenden predominantemente accidental. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS