Unha porta violeta presidiu este mediodía a presentación das actividades deste mes co gallo da celebración do 25N do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A alcaldesa, Digna Rivas, deu conta hoxe da programación que comeza esta mesma semana. Estivo acompañada pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, o experto en seguridade dixital, Javier Cancelas, e membros da asociación Andaina.
A rexedora salientou que desde o Concello “traballamos todos os días do ano na prevención da violencia machista. A través de actividades para darlle visibilidade a esta problemática e concienciar á sociedade”. Neste mes a programación refórzase aínda máis con actividades dirixidas especialmente ao alumnado dos institutos e colexios, “porque na educación está a base da prevención de conductas machistas” e tamén para o público en xeral.
O lema deste ano, “Sempre hai saída”, busca ser “unha porta aberta á liberdade, unha alegoría para que as vítimas busquen a axuda que precisan. Non só nas administracións ou entidades, senón na súa contorna, na súa familia e amizades, na veciñanza e na sociedade. Que nunca máis sexa tarde para cruzar a porta cara á liberdade”, sialou Rivas. Ese lema está representado nunha porta violeta que se instalará na praza do Concello. Ademais, recollerá ao longo deste mes as mensaxes dos centros de ensino, centros de día e colectivos como Andaina e Lenda, que participan desta actividade.
A concelleira Iria Vilaboa explicou que a boneca “Violeta” visitará os diferentes centros e asociacións para coñecer estas mensaxes. Tanto Rivas como Vilaboa agredeceron a todos os centros, colectivos e asociacións a súa participación “xa o obxectivo deste goberno é que toda a sociedade se implique na loita contra a violencia machista”. Agradeceron tamén a colaboración da concellería de Infraestruturas e Sostibilidade cuxos operarios se encargaron de realizar a porta violeta desta campaña.
Programación polo 25N venres 15 e 22 de novembro
Ao longo de todo o mes de novembro haberá dous obradoiros impartidos pola educadora Lucía Pereda (Talentea) para o alumnado dos IES e os centros escolares do concello. Estes serán «Falemos de sexo» e «Prevención trastornos de condutas alimentarias dende a perspectiva de xénero: violencia estética».
Por outra banda, o venres 15 novembro terá lugar a conferencia “Amelia. Historia de una lucha” no multiúsos da Xunqueira. Será nun horario de 10.00 e 12.00 horas a cargo de Amelia Tiganus e dirixida ao alumnado dos IES do concello. Tamén estará nesta mesma ubicación a exposición “Chicas Nuevas 24h” ás 18.30 horas. Estará dirixida por Mabel Lozano e destínase a un público en xeral. As 19.00 horas será o turno da conferencia “Xuventude, internet e violencia sexual: ¿quen gaña?”. Tamén será para un público xeral e está dirixida por Amelia Tiganus.
O venres 22 novembro ofrecerase a conferencia “Violencia machista na contorna dixital” tamén no Multiúsos da Xunqueira ás 19.00 horas. Estará a cargo de Javier Cancelas e Andrea González e dirixida ao público en xeral.
Máis actividades dentro da programación polo 25N
Ademais, os sábados 23 e 30 novembro haberá a actividade de “Formación en autodefensa” no Pavillón Municipal A Marisma. Será ás 10.00 horas e precisa de inscrición previa en igualdade@redondela.gal. O sábado 23 tamén terá lugar a entrega galardón IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista. Será ás 12.00 horas na Oficina de Turismo.
O luns, 25 novembro, celébrase o acto institucional pola celebración do Día Internacioal da Eliminación da Violencia contra a Muller. Este evento será na Praza do Concello ás 12.00 horas dirixido ao público en xeral. Tamén haberá a Lectura da Declaración Institucional e a Performance “Sempre hai saída” de Neves Seara e Arancha Nogueira. As 12.30 horas haberá unha foto conxunta coas persoas asistentes como «Lazo humano». Será tamén na Praza do Concello e prégase asistir con camiseta negra.
Por último, o xoves 28 de novembro haberá un contacontos para as crianzas de máis de tres anos. Baixo o título “Aitana e a avoa, e outros contos violetas” Soraya Lema desenvolvera esta actividade no Multiúsos do Piñeiral, Chapela, ás 18.30 horas.