A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, deu conta onte no Pleno da aprobación do convenio para a segunda fase da humanización da Estrada Mos-Puxeiros. Esta transcorre pola parroquia de Dornelas e parte de Torroso. Asimesmo, trátase do Convenio de colaboración entre Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos. Este acordo é para a execución do proxecto “Mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2601 Mos- Puxeiros dende o P.Q. 2+250 ata o P.Q. 3+600”. O inicio das obras está previsto para ano que vén.
Neste senso Nidia Arévalo, rexedora local mosense, declarou que “somos un goberno cumpridor que sempre se comprometeu co Mos humanizado, un dos principais compromisos da miña folla de ruta para a xestión municipal. Demostramos que traballamos para facelo realidade de xeito que en 2025 comezaremos a segunda fase da mellora da Estrada Mos-Puxeiros”.
Esta segunda fase da mellora integral deste vial é unha demanda histórica da veciñanza de Dornelas. Abarca unha actuación de 1.350 metros de lonxitude na que se investirá un orzamento total de 1.520.114,06 euros. A administración provincial aportará o 80% (1.216.091,25 euros) e o Concello aportará unicamente un 20% do financiamento das obras (304.022,81 euros).
Arévalo explicou durante a sesión plenaria de onte que “o proxecto da segunda fase da estrada provincial contempla a creación dunha itinerario peonil mediante a construción dunha senda peonil de formigón coloreado de 2,50 metros de ancho pola marxe esquerda da estrada. Inclúe tamén a pavimentación da calzada no treito da actuación, a renovación da rede de drenaxe, a execución de elementos físicos de calmado de tráfico, a renovación do alumeado público, a colocación de mobiliario urbano, o soterramento de servizos afectados, etc”.
Primeira fase
Esta segunda fase forma parte dun plan de reforma e mellora integral da EP-2601 e vén precedida da primeira fase correspondente ao tramo da parroquia de Mos. No primeiro tramo investíronse un total de 446.545,39 euros. Asimesmo, o Concello aportou un 30% do financiamento das obras (133.963.62 euros) e a administración provincial o 70% restante (312.581,77 euros).
Este tramo de actuación correspondente ao traxecto do vial que transcorre pola parroquia de Mos abarcou un total de 575 metros de lonxitude. Nestes acometéronse as obras necesarias para facilitar a prioridade peonil mediante a execución dunha senda que transcorre dende a intersección do camiño de Santiago, pasando polo entorno da igrexa de Santa Eulalia, o acceso ao paseo fluvial e o parque infantil cunha nova ordenación dos espazos e renovación dos pavimentos.
En todo o treito proxectáronse unha serie de redutores físicos de velocidade e de pasos de peóns sobreelevados. O obxectivo era redución de velocidade e mellorar a seguridade peonil. A maiores, o proxecto incluiu tamén a execución dunha nova rede de pluviais para a recollida das augas en días de choiva. Ademais, contou con melloras en diversos servizos urbanos como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións en aéreo e o cambio do alumeado.