O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou que a Ribeira Sacra “é unha das xoias da oferta turística de Galicia, que está a medrar en número de viaxeiros un 20%”, ao tempo que afirmou que “está moi presente na planificación da Xunta de Galicia”. Neste sentido, enmarcou esta aposta firme do marco dos fondos europeos que dedican máis de 5M€ a reforzar a sostibilidade deste destino a través de distintas medidas para os vindeiros anos e que supoñen un impulso cualitativo ao turismo para xerar emprego, mellorar as economías locais e asentar poboación neste territorio.
Xosé Merelles participou este mércores no encontro Fontes -Patrimonio da Humanidade: coñecemento para conservar onde xunto coa directora da Axencia Galega de Desenvolvemento rural, Paz Rodríguez, abordou a participación no territorio desde distintos programas e iniciativas.
En concreto, o director de Turismo de Galicia subliñou iniciativas como o Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra aprobado hai uns anos por 2M€ ao que se suman o incluído no Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais autorizado este ano por outros 2M€ que busca o compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua, así como o proxecto que inclúe o Plan Xacobeo Next Generation na súa condición de Ben de Interese Cultural.
Trátase, en total, de 5M€ que permitirán poñer en valor turístico esta zona de xeito sustentable, restaurar o patrimonio cultural desta zona, adecuando camiños e sendeiros e actuando no contorno dos miradoiros, entre outras accións.
Motor socioeconómico
Neste sentido, engadiu que se trata “de toda unha planificación estreitamente ligada ao territorio, definida en base ás súas características e particularidades” que busca referendar que o turismo “é un motor socioeconómico que todo territorio debe ter en conta”. Así, destacou o bo comportamento do sector no que vai de ano constatado por previsións de entidades financeiras coma o BBVA que no seu último informe vén de vaticinar que a economía galega medrará á par que a española este 2024 e incluso por riba da media do país en 2025.
Referíndose aos últimos datos do destino Ribeira Sacra, Xosé Merelles destacou que “está a ser un dos xeodestinos que máis está a medrar”. Segundo o INE, nos primeiros nove meses de 2024, o segmento hoteleiro da Ribeira Sacra rexistra máis de 130.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 20%, e preto de 242.000 noites neste período, cifra que se sitúa como un máximo da serie histórica. “Isto repercutiu moi positivamente no sector da zona, cun incremento da rendibilidade hoteleira do 5%”, asegurou.
En relación ao encontro, Xosé Merelles salientou a oportunidade que brindou esta cita para que técnicos, investigadores, expertos e outros perfís analizasen casos de éxito, avaliasen distintos aspectos da candidatura ‘Paisaxe da auga: Ribeira Sacra’ e informasen sobre as redes creadas precisamente, para a difusión do patrimonio e a investigación.