O vindeiro xoves, 31 de outubro, o Concello de Ponteareas acollerá unha xornada de “captación de voz” en lingua galega. A campaña está promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, no marco do “Proxecto Nós”. A recollida de voces realizarase na nova Aula CEMIT na planta baixa do Centro de Dinamización Empresarial e Coworking de Ponteareas. O horario será pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas. Todas as persoas que participen recibirán un libro de agasallo pola súa colaboración.
O procedemento é moi simple. Calquera persoa, non importa a idade terá que ler unhas breves frases en galego, en bloques de 5. Estas sairán no monitor do ordenador: https://commonvoice.mozilla.org/gl/speak. Asimesmo, as persoas menores de idade que queiran participar deberán ir acompañadas do seus pais/nais ou titor/a. Esas voces gravadas nunca serán usadas externamente fóra do ámbito do Proxecto Nós para o adestramento dos seus algoritmos.
O proxecto Nós
O Proxecto Nós (www.nos.gal) é un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ten como obxectivo fundamental que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega. As ferramentas serán sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais e de tradución automática de tipo neuronal. Tamén de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.
Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” o galego. Polo tanto, toda a población de Galicia poderá empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico.
Para o Secretario Xeral de Lingua, Valentín García: “O Proxecto Nós é o proxecto máis ambicioso que se ten realizado ata o de agora de cara a que o galego poida ser empregado con total normalidade nos ámbitos dixitais. Trátase dun proxecto de país, cunha gran colaboración interinstitucional, transversal e no que estamos a conseguir que se implique o conxunto da sociedade galega. Todo tipo de institucións, entidades sociais, empresas privadas así como galegos e galegas de todas as idades e de todos os puntos de Galicia que, altruistamente, doan a súa voz a través de www.doagalego.nos.gal para mellorar a calidade das ferramentas que este proxecto está a sacar adiante”.
A campaña de captación de voz
Para conseguir este obxectivo é preciso facerse previamente cunha grande cantidade de texto e audio de calidade en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. No caso do audio precísase ademais unha grande variedade de voces para o correcto adestramento dos algoritmos e tamén a gravación de todas as variedades dialectais. O obxectivo é que os dispositivos electrónicos as recoñezan perfectamente, polo que fai falta recoller as voces de milleiros de galegos e de todas as zonas nas que se empregan variantes dialectais.
Para conseguir esas gravacións en lingua galega o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente. Unha a través de captación de voces online (https://doagalego.nos.gal). A outra é trasladándose fisicamente a diferentes concellos galegos para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar. Nesta fase, percorrerá 16 Concellos, que serán Xinzo de Lima, Ribeira, Fisterra, Chantada, Tomiño, Ribadeo, O Carballiño, Muros, Ponteareas, Carballo, Tui, Santa Comba, Vilagarcía e a Fonsagrada.
Captación de voces en Ponteareas
O Concello de Ponteareas foi un destes 16 Concellos seleccionados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Secretaría Xeral da Lingua para a realización desta recollida in situ de voces entre a súa veciñanza.
Nese sentido, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro entende que “é un orgullo que se pensara no noso Concello para desenvolver unha xornada deste tipo. Estou convencida de que a veciñanza de Ponteareas responderá positivamente a esta chamada de colaboración. Por parte do Concello, axudaremos o máximo posible para que a recollida de voces sexa un éxito, na liña do noso compromiso coa lingua galega.”
Pola súa banda a Concelleiro de Ensino, Ricardo González sinalou que “desde o Concello queremos facer un chamado a toda a veciñanza de Ponteareas a que acuda á nova aula CEMIT a doar a súa voz para colaborar cun proxecto que será moi positivo para todos os galegos e galegas. E fago un chamado especial a todo o asociacionismo municipal: cultural, deportivo, etc. a que se animen e colaboren con esta iniciativa.”