lunes, octubre 28, 2024
InicioNewsComarcasPlans terroríficos para pasar un Samaín de medo no Condado, Baixo Miño,...

Plans terroríficos para pasar un Samaín de medo no Condado, Baixo Miño, Val Miñor e Louriña

Quedan apenas uns días para que teña lugar en Galicia unha das festividades máis agardadas polos veciños e as veciñas. Trátase de Samaín, que envolve de maxia e, na meirande parte dos casos, tamén de medo a noite de Todos os Santos.

Neste contexto, os concellos da comunidade celebran varias actividades co obxectivo de que a cidadanía forme parte das tradicións galegas, pero, tamén, para converter o medo nunha experiencia de activiades en grupo mentres se escoitan as risas de fondo.

Baiona

Baiona acollerá o venres 1 de novembro unha visita guiada para familias con temática de Samaín. A idade recomendara é para nenos e nenas de entre 5 e 10 anos.

É preciso inscribirse en oficinadeturismo@baiona.gal ou no 986 68 70 67.

A Cañiza

O Concello proxecta Hotel Transilvania 3 na Casa da Cultura a partir das 18:00 horas. É un film que está dirixido a un público familiar polo que poderán desfrutar tanto os nenos e as nenas como as persoas adultas. Haberá, ademais, chocolate quente.

O Club Balonmán Cañiza organiza o próximo sábado 2 de novembro a Festa da Carne ao Caldeiro, con temática de samaín, na que haberá queimada, contos, disfraces e magosto, entre outras actividades, como unha sesión DJ.

A festa dará comezo ás 22:00h na Casa do Xamón e as pesoas que estean interesadas en participar deberán realizar as inscricións no 616 134 560.

Crecente

O centro EVD Galicia de Crecente organiza a VIII Edición da súa festa de samaín. Este ano a temática é «A Granxa Maldita» e consiste nun túnel do terror con pases para todas as idades.

As persoas que desexen celebrar o Samaín nesta actividade poderán obter máis información, no 986 666 313. A ubicación é a que aparece neste enlace.

A Guarda

o Concello da Guarda organiza un roteiro do terror desde a Praza de Avelino Vicente ata a Praza do Reló, onde os participantes serán recibidos pola música dun dj.

A temática inspírase na cultura celta e galaica, con espíritos «que vos axudarán a atopar o colar da gran princesa celta Eilleen«, segundo apuntan desde a administración local.

Para realizar o percorrido é preciso anotarse previamente nesta ligazón

Mondariz Balneario

O Concello de Mondariz Balneario organiza un roteiro infantil polas rúas do municipio para nenos e nenas de 0 a 14 anos.

O evento terá lugar o xoves 31 de outubro. Máis información na web do concello.

As Neves

A Casa da Xuventude das Neves acolle a Festa de Samaín dirixida ao público infantil e xuvenil a partir das 17:00 horas e ata as 20:00 horas.

Será o 31 de outubro e haberá obradoiros, concurso de cabazas e sesión DJ, entre outras cousas.

Nigrán

O Concello de Nigrán propón catro días de actividades con motivo do samaín que dan comezo o martes 29 de outubro. Desde contacontos, cine ata visitas teatralizadas, entre outras actividades.

Ponteareas

O Concello de Ponteareas organiza unha xornada de xogos, obradoiros, globoflexia, música e outras actividades o próximo xoves 31 de outubro a partir das 17:00 horas.

O Porriño

A casa consistorial convértese nun auténtico castelo do terror e criaturas horripilantes tomarán o control desafiando a grandes e pequenos a enfrontarse aos «seus peores pesadelos». Ademais, medio milleiro de calacús elaborados polos colexios, Aceesca e Afaga iluminarán as rúas da vila coa súa sinistra beleza.

Será o 31 de outubro desde as 17:00 horas ata as 19:45 horas e a partir das 20:15 horas, comeza o túnel do terror.

Redondela

O Concello de Redondela organiza diversas actividades para o xoves 31 de outubro.

Obradoiros para os máis pequenos no multiusos de Chapela e no da Xunqueira de «fai a túa cabaza», «maquillaxe de terror» e «tatuaxes de terror» de 17:00h a 20:00h.

Contará tamén entre as súas actividades cun túnel do terror, para nenos a partir dos 13 anos ou menores acompañados dun adulto. Terá lugar no Paseo do Maceiras de 18:30h a 21:30h.

Haberá un pasarrúas terrorífico que sairá da Praza de Ribadavia ás 19:30h.

Por último, ás 20:00h no cemiterio de Eidos haberá unha visita guiada para adultos.

O Rosal

O Concello do Rosal organiza o xoves 31 de outubro xogo de pistas ao aire libre a partir das 18:00 horas e un magosto popular para toda a veciñanza a patir das 20:00 horas.

Salvaterra de Miño

O Concello de Salvaterra de Miño propón dúas actividades infantís na Biblioteca Municipal. Deste xeito, o mércores 30 de outubro ten lugar a actividade «Crea a túa historia de Samaín» a partir das 16:30h e está indicada para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos.

Pola súa banda, o xoves 31, para os nenos e nenas de 3 a 6 anos, haberá un obradoiro de «Creación de máscaras» que dará comezo ás 10:30h da mañá.

Pola noite, terá lugar o tradicional Roteiro Nocturno de Samaín, recomendado a partir dos 11 anos de idade. O percorrido comeza na Praza do Concello e remata no Campo de Fútbol do Casal. A saída comezará ás 20:00h e realizarase de forma escalonada e por grupos.

É preciso inscripción previa na seguinte ligazón

Salceda de Caselas

Salceda de Caselas prepárase para converterse nunha pasaxe do terror este xoves 31 a partir das 19:00 horas. As personas que queiran participar deberán inscribirse na Casa da Cultura Castelao.

Tui

O Concello de Tui organiza un roteiro nocturno de Samaín de balde o xoves 31 de outubro a partir das 21:00 horas e ata as 01:00 horas da madrugada. As persoas que desexen participar poderán facelo na páxina web do Concello de Tui.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS