jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasComezan as obras "do gran parque" no corazón do Porriño para recuperar...

Comezan as obras «do gran parque» no corazón do Porriño para recuperar a rúa como un espazo de socialización

O Concello do Porriño inicia hoxe un «ambicioso proxecto de transformación urbana co comezo das obras para a creación dun novo espazo público entre as rúas Antonio Palacios e Pío XII», segundo explica a administración local nun comunicado.

Apuntan que estes traballos inclúen a humanización da Rúa Pío XII e representan a primeira fase da construción dun gran espazo libre de lecer destinado a revitalizar o centro urbano e promover un urbanismo máis amable e accesible.

O obxectivo principal deste proxecto é dar uso á mazá interior delimitada polas rúas Antonio Palacios, Avenida Domingo Bueno e Rúa Pío XII.

Deste xeito, o novo deseño prevé a creación dun parque completamente aberto, onde os distintos usos e espazos estean interconectados. Incluiranse áreas de lecer, descanso, reunión e convivencia, con bancadas integradas e bancos, incrementarase a vexetación e crearanse zonas de sombra que fomenten o uso da área.

Ademais, melloraranse as características de acabado e circulación da Rúa Pío XII utilizando pavimento pétreo que continúe coa estética do parque. A actuación nesta rúa incluirá a renovación de todas as redes de servizo como abastecemento, saneamento, gas ou iluminación pública.

Unha das metas máis relevantes deste proxecto é «recuperar a rúa como un lugar de socialización, garantindo a seguridade de peóns e ciclistas«. Para iso, a Rúa Pío XII integrarase plenamente no parque, favorecendo a comunicación peonil co centro da vila e mellorando unha área que actualmente presenta malas condicións.

Entre as distintas zonas que se proxectan, destaca un parque infantil, que se redeseñará cunha xeometría circular en diálogo co resto da estética. Incorporaranse elementos de xogo en harmonía coa arboleda existente, creando unha contorna segura e atractiva para os máis pequenos.

Neste sentido, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, indica que «este proxecto non só transformará a paisaxe urbana, senón que tamén creará un espazo inclusivo e dinámico, onde os cidadáns poidan gozar dunha contorna máis saudable e socialmente activa» e insistiu en que «estou seguro que se converterá nun punto de encontro para toda a veciñanza”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O rexedor explicou que “as obras desenvolveranse buscando o menor perxuízo posible, sobre todo tendo en conta que coincide coas datas de Nadal, polo que estableceremos alternativas de circulación para que o noso comercio non se vexa afectado”.

Lorenzo concluíu explicando que as xestións para a segunda fase o proxecto están moi avanzadas. “Estamos ultimando a adquisición dos terreos necesarios para executar estas obras e aproveito para reiterar o meu agradecemento aos propietarios pola súa disposición á facilitar ao Concello que este gran parque sexa pronto unha realidade”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS