As Neves e Salvaterra de Miño unen forzas para rexeitar o proxecto do parque eólico Coto dos Lobos, en San Nomedio, e piden a súa retirada definitiva. De feito, celebraron unha xuntanza no salón de plenos do Concello das Neves, convocada polo rexedor Jose Manuel Alfonso, e á que asistiu a alcaldesa Marta Valcárcel así como representantes das comunidades de montes e augas afectadas polo proxecto.
Na sesión, participou, Víctor Bouzas, da empresa Tysgal Medioambiente e durante a súa exposicion presentou o estado dos informes encargados polo Concello para facer fronte á construción do parque eólico. Para tal fin, «estase a preparar un condicionado e un informe técnico sobre o Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) presentado pola promotora«, segundo apuntan desde a administración local.
Pola súa banda, «a análise do estudo revelou deficiencias na metodoloxía empregada, o que levou a unha minimización dos efectos ambientais reais» polo que «o Concello das Neves expresa o seu rexeitamento á solicitude de autorización administrativa previa, así como á solicitude de autorización administrativa de construción do proxecto Parque Eólico Coto dos Lobos, solicitando a súa retirada definitiva«, tal e como indican nun comunicado.
Tras a xuntanza, a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, decidiron facer un fronte común para solicitar a retirada do proxecto, baseándose nos datos do informe técnico elaborado por Tysgal Medioambiente.
Así mesmo, poñeranse á disposición das veciñas e veciños uns modelos de alegacións que recollen de forma resumida os puntos clave do informe polo que aquelas persoas que desexen presentar as súas alegacións poderán facelo mediante rexistro electrónico ou de maneira presencial no rexistro de calquera organismo público, ata o vindeiro 20 de novembro de 2024.