A Xunta participará no procedemento de consulta iniciado ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre a tramitación dos proxectos eólicos en Galicia para defender «o rigor do traballo realizado e a súa adecuación ao marco normativo sectorial vixente». Así o acordou o Consello esta mañá, tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, polo que agora a “Asesoría Xurídica Xeral será a que fixe os pasos necesarios para formalizar a nosa personación como parte antes do 5 de novembro”, cando vence o prazo para facer alegacións na cuestión prexudicial sobre os eólicos presentada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o pasado xuño.
En concreto, o principal argumento da Xunta para defender que as autorizacións de parques eólicos concedidas nos últimos anos se fixo con plenas garantías é que nin a normativa europea ambiental (a Directiva 2011/92/UE) nin a lei estatal que a traspuxo (a Lei 21/2013 de avaliación ambiental) impoñen que a fase de consulta ás autoridades competentes se teña que facer antes de someter o proxecto á información pública.
Neste sentido, Vázquez lembrou que o Tribunal Supremo avalou a tese da Xunta en dúas sentenzas recentes sobre o parque eólico de Corme —anulado polo TSXG— ao concluír que ningunha destas dúas normas obriga a solicitar os informes sectoriais necesarios no marco da tramitación antes de iniciar a fase de información ao público en xeral.
Coa súa decisión de intervir de forma directa no procedemento ante o TXUE, o Goberno galego quere defender que a tramitación realizada aplica a lei básica estatal que cumpre coa normativa comunitaria e que se vén empregando da mesma forma desde 2013. Farao, ademais, “de forma coordinada co Goberno central”, que tamén foi emprazado na cuestión prexudicial e xa se presentou no procedemento en defensa da transposición da directiva que fixo no seu día cando se aprobou a norma ambiental de 2013.
De feito, “nos 11 anos de vixencia da Lei de avaliación ambiental estatal ningún tribunal español albergou dúbidas sobre se o procedemento fixado nesta norma se axustaba ao dereito comunitario”, indicou Ángeles Vázquez.
Foi o TSXG o primeiro en cuestionalo a través de sucesivos pronunciamentos sobre as autorizacións eólicas outorgadas en Galicia nos últimos anos, xa que fai unha interpretación propia da Directiva de avaliación de impacto ambiental do Parlamento e do Consello Europeo que contravén o procedemento de información e consulta pública simultáneo que leva a cabo a Xunta en aplicación da lei estatal.
Con base nesta interpretación, precisamente, e obviando por completo a opinión do Supremo —que nas sentenzas mencionadas lle quitaba a razón—, o Alto Tribunal galego decidiu presentar ante o TXUE unha cuestión prexudicial para que dea a súa opinión.
Neste sentido, “a decisión que tome a Xustiza europea con relación á tramitación eólica en Galicia será clave, dado que clarificará definitivamente se o procedemento aplicado en España desde 2013 ás avaliacións ambientais de todo tipo de plans e proxectos é correcto —tal e como defende a Xunta— ou se ben a norma estatal que o regula non recolleu adecuadamente a normativa comunitaria sectorial”, apuntou a conselleira.
Este pronunciamento permitirá sentar doutrina e acabar así coa actual situación de inseguridade xurídica que afecta o sector eólico en Galicia, pero terá unha transcendencia aínda maior polas súas implicacións no conxunto de España e no resto de países da UE, con normativas ambientais propias con transposicións similares.
Na actualidade, tal e como indicou Ángeles Vázquez, “a Comunidade conta cun total de 190 parques eólicos en funcionamento, que suman unha potencia de 3.931 MW”. En todo caso, cómpre lembrar que o Plan sectorial eólico de Galicia prevé a implantación de 6.500 MW de potencia eólica e na Axenda enerxética galega fixouse como obxectivo alcanzar no horizonte do ano 2030 os 8.000 MW, polo que aínda hai marxe para a implantación de novos parques.
Porén e debido á situación de bloqueo xudicial e administrativo que afecta o sector en Galicia, “na actualidade hai arredor dun cento de parques eólicos autorizados pero contra os cales se recorreu, e deles un total de 68 xa foron suspendidos na vía xudicial”, explicou.
Precisamente, o bloqueo na implantación de nova potencia eólica foi o tema central da viaxe que realizou a propia conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático o mes de setembro pasado a Bruxelas, onde expuxo a gran preocupación da Xunta ante a parálise que sofre este sector na Comunidade, debido ao goteo constante de recursos xudiciais contra as autorizacións de novos parques emitidas nos últimos anos.
De feito, “a Comunidade pasou de ser líder en España en potencia eólica instalada a caer ata a cuarta posición”, apuntou Vázquez. Un retroceso que ten a súa razón principal na parálise que afecta este sector de forma particular e que lle impide avanzar á vez nos obxectivos de descarbonización e loita contra o cambio climático que promulgan todas as institucións comunitarias para o conxunto de rexións e Estados membros.
Cómpre lembrar que, en liña coa normativa europea en materia de transición enerxética e aceleración dos proxectos de enerxías renovables e co chamado Plan REPowerEU, que se fixa como obxectivo que a UE sexa enerxeticamente independente, a Lei galega de medidas fiscais e administrativas de 2023 declarou de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica co fin de axilizar a súa tramitación.
Con ese mesmo obxectivo, a futura Lei de administración ambiental simplificada de Galicia —que a Xunta prevé elevar ao Parlamento para a súa aprobación no ano 2025— buscará avanzar tamén na axilización dos trámites de proxectos de especial interese e transcendencia para a comunidade, entre os cales destacan particularmente aqueles relacionados coa aposta polas enerxías limpas.