A Xunta abrirá expedientes sancionadores ás empresas concesionarias que incumpran os servizos mínimos decretados polo Goberno galego con motivo da folga xeral no sector transporte de viaxeiros por estrada, convocada hoxe e que tamén esta convocada para os días 11, 28 e 29 de novembro e o 5, 9 e 23 de decembro, segundo apuntan desde a administración autonómica.
Na xornada de hoxe, dos 2.233 servizos mínimos que tiñan que prestarse segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia no transporte de competencia autonómica -non se inclúe transporte urbano agás Ferrol e Pontevedra- realizáronse 1.853, o que supón un cumprimento do 83%.
Polo tanto, tal e como explica a Xunta de Galicia, «houbo 380 servizos, o 17%, que non se levaron a cabo e que serían susceptibles de sanción por parte da empresa concesionaria, agás que se xustifique a existencia de causas xustificadas, como a presenza de piquetes na orixe».
Por provincias
Por provincias, na da Coruña prestáronse 458 dos 669 servizos previstos, o 69%; na de Lugo, realizáronse 369 servizos de 371, o 99,4%; en Ourense cumpríronse o 100% dos 352 servizos previstos, e na de Pontevedra, funcionaron 674 dos 841 fixados, o 80,14%.
No transporte de escolares a xornada transcorreu con normalidade, xa que se estableceron como servizos mínimos todos os dunha extensión de máis de catro quilómetros, tanto nos integrados -nos que comparten o autobús as persoas usuarias de uso xeral- como nos de transporte escolar, tanto públicos como os contratados por centros privados.