A Aula UNED de Tui acollerá o próximo venres 8 e sábado 9 de novembro un seminario especializado. Este será “Escribir en la frontera entre Galicia y Portugal en la Edad Media: protagonistas, lugares y productos”. O mesmo reunirá na cidade a un escollido grupo de especialistas de España e Portugal.
Este seminario está dirixido por Adrián Ares Legaspi, doutor no departamento de Historia Medieval e Ciencias e Técnicas Historiográficas da UNED. Este sinala que “na Idade Media, a diocese de Tui estendeuse no seu límite sur ata o río Limia. Fixo así fronteira, en territorio portugués, coa arquidiocese de Braga. Desta forma, as relacións políticas, sociais e económicas entre estes dous espazos, así como na parte oriental desta fronteira, xerou unha continua trasfega de individuos entre os dous reinos, o contacto entre linguas ou a influencia entre múltiples factores culturais. Un destes elementos foi a escritura”.
Precisamente esta actividade abordará as similitudes e diferenzas que se produciron na elaboración de documentos, libros e inscricións na Baixa Idade Media entre o norte de Portugal e sur de Galicia. Asimesmo, serán exemplificadas coas escrituras empregadas nas cidades do Porto e Braga, Valença, Tui ou A Guarda ou en mosteiros como os de Santa María de Oia ou Melón. No mesmo poderase descubrir quen foron os individuos que escribiron nestes contextos, en que lugares se confeccionaron os documentos e libros e os espazos destinados aos epígrafes. Ademais, os tipos de documentos e códices elaborados e os seus compoñentes materiais ou outros feitos históricos e institucionais que determinaron as tarefas de escrituración. En definitiva, aínda que con características propias en cada zona, escribir a ambos os dous lados do río Miño converteuse nunha actividade común que traspasou a fronteira entre Galicia e Portugal.
O seminario
Este seminario contará coa participación de María Cristina Cunha da Universidade de Porto e Mário Sérgio da Silva do Instituto de Ciências Sociais da Universidade do Minho. Tamén con Maria João Oliveira e Silva da Universidade do Porto e Irene Pereira García do departamento de Historia Medieval e Ciencias e Técnicas Historiográficas da UNED. Ademais, estarán Sandra Piñeiro Pedreira da Universidade de Santiago de Compostela e Ricardo Seabra da Universidade Autónoma de Lisboa. Por último, Ana Suárez González profesora da Universidade de Santiago de Compostela.
O curso ten por obxectivo por unha banda coñecer a cultura escrita do noroeste da Península Ibérica. Ademais, comparará a escritura utilizada no sur de Galicia (diocese de Tui e Ourense) e o norte de Portugal (diocese de Braga e Porto). Por outra banda abordará o estudo dos documentos, libros e epígrafes producidos na Idade Media neste espazo. Prestarase atención á súa escritura, a súa decoración, os soportes utilizados… Tamén o seminario afondará no estudo dos individuos que se encargaron das diversas tarefas que comprenderon a confección de libros, documentos e epígrafes. Outro dos obxectivos é o estudo dos lugares de confección de documentos, libros e epígrafes. Asimesmo, abarcarase a cidade de Tui e outras localidades como A Guarda ou Valença, as escribanías episcopais de Tui ou Braga, os mosteiros de Santa María de Oia e de Melón. Ademais, esta actividade busca coñecer as influencias gráficas, lingüísticas e culturais.
As persoas interesadas poden ampliar a información, acceder ao programa completo e inscribirse en https://extension.uned.es/actividad/idactividad/39085. Ademais, a participación pode realizarse de forma presencial, en liña tanto en directo coma en diferido. A matrícula ten un prezo de 27 euros, sendo gratuíta para as persoas empadroadas no concello de Tui.