«En poucos meses a UNED de Ponteareas consegue formar a máis de 400 persoas nos dezanove cursos que imparte nas modalidades presenciais e online«, así o informa a concelleira de Emprego e Formación, Silvia Fdez. Táboas. Catrocentas vintecatro matrículas avalan o interese da poboación na UNED e a necesidade existente na vila de recibir formación en distintas disciplinas.
Na sede da extensión da UNED en Ponteareas impartense cursos de lingua de signos dende nivel I a nivel IV, xestión do estrés a través do movemento e inglés en tres niveis. Tamén un programa de reforzo educativo para a obtención da ESO para adultos, habilidades para atención de clientela e xestión de queixas na empresa. Así mesmo, iniciación ao patronaxe e confección, iniciación a cata de viños, ioga, poesía, movemento orgánico, UNED Sénior, e curso de preparación lingua galega CELGA 3, entre outras actividades.
Os cursos da UNED son unha oportunidade para seguir aprendendo dende una Universidade pública que posibilita coñecer novas áreas, espertar a curiosidade en novos sectores. Ademais, permite completar a formación para mellorar o acceso ao mercado laboral e tamén un novo espazo para socializar e compartir inquedanzas con persoas afíns.
A alcaldesa, Nava Castro, engade ademais que con cada curso a UNED incorpora profesionais docentes da zona. Ademais, promove o emprego sendo un importante dinamizador social, económico e académico. Así mesmo, persoas de toda España coñecen Ponteareas coa súa asistencia online.
Referente de formación continua na comarca
Rafael Cotelo Pazos, coordinador de Extensión Universitaria da UNED salienta que “é unha honra ver como o aula de extensión universitaria da UNED en Ponteareas. Deste modo, consolídase como un referente de formación continua na comarca. As actividades que ofrecemos non só responden ás necesidades actuais da poboación, senón que tamén abren portas para novas oportunidades laborais e persoais. Contar co apoio e as facilidades que nos brinda o Concello, encabezado pola alcaldesa Nava Castro, foi fundamental para alcanzar este éxito inicial. Grazas á súa colaboración, temos á nosa disposición un espazo ideal para a formación e o desenvolvemento da comunidade».
Por último convida a cidadanía a participar, “estamos abertos a escoitar as propostas e necesidades da cidadanía para mellorar a nosa oferta formativa. O interese e participación que estamos a ver auguran un éxito case asegurado para as futuras edicións, xa que non só estamos a cubrir unha demanda existente, senón tamén a crear un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias que fortalecen o tecido social e educativo da vila e comarca”.