O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presidiu a reunión do xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2024, celebrada na sede da Fundación Artesanía de Galicia en Santiago de Compostela. Tras a súa reunión, o xurado decidiu dar a coñecer os tres finalistas que competirán pola categoría Premio Artesanía de Galicia 2024, dotado con 9.000 euros. A cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño) foi unha das seleccionadas. Competirá polo galardón co torneiro Aitor Martínez (Tomiño) e Santiago Besteiro (Monterroso), especializado no traballo do coiro.
O xurado elaborou as oportunas valoracións e análises segundo os criterios sinalados nas bases reguladoras na reunión de hoxe. Tras o proceso, acordou por unanimidade nomear a estes finalistas para o Premio Artesanía de Galicia 2024. Fíxoo a través dunhas elaboracións específicas dos artesáns, entre elas a peza con lema Periferia#01, de Julia de la Cal. Con esta redefine unha cesta exenta do seu contexto tradicional e funcional para atopar un obxecto cheo de oportunidades estéticas. Así mesmo, combina a manufactura cesteira con aplicacións máis habituais da pintura ou da escultura.
Outras das elaboracións escollidas foi a colección de pezas con lema Culeiros, de Santiago Besteiro Design. Estas reinterpretan a través de tiras de coiro os cestos tradicionais típicos da vendimia na Ribeira Sacra, o culeiro, e o traslada ao mundo do interiorismo. Tamén a peza de madeira de carballo de grande volume con lema Ju, de Aitor Martínez, foi finalista. Con esta o autor rende homenaxe a un dos seus mestres e a todos aqueles que viven coas súas feridas e cicatrices.
Os Premios
Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego. Así mesmo, teñen a finalidade de estimular a súa creación e fomentar a remuda xeracional no sector. Como novidade este ano, increméntase o número de galardóns na categoría Bolsa Eloy Gesto. Estes premios pasan de unha a tres, polo que aumenta tamén a dotación orzamentaria destes galardóns que chegará ata os 21.000 euros. Modifícase, así mesmo, a idade máxima dos galardoados, que poderán ter ata 45 anos de idade.
O Premio Artesanía de Galicia 2024, dotado con 9.000 euros, premiará a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual. Exemplos destas liñas son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos. O Premio Traxectoria 2024, de carácter honorífico, recoñecerá a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega. Así mesmo, a súa contribución á posta en valor e á promoción da artesanía, a calidade do seu traballo e o seu compromiso coa divulgación. Tamén valórase a transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da artesanía galega.
Estes Premios Artesanía fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada coa categoría Bolsas Eloy Gesto. A categoría poderá premiar ata tres candidaturas e estarán dotadas de 4.000 euros cada unha para investir nun centro de formación de prestixio. Premiaranse as candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Tamén o carácter innovador dos proxectos, a transferencia de coñecemento, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo das persoas candidatas e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador.