miércoles, octubre 23, 2024
InicioNewsActualidadeA Xunta impulsará a oitava reserva da biosera de Galicia coas Illas...

A Xunta impulsará a oitava reserva da biosera de Galicia coas Illas Atlánticas no centro e que se estende ata Baiona

A Xunta impulsará en 2025 a candidatura da oitava reserva da biosfera galega, que terá como núcleo o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia pero estenderá a súa área de influencia desde Porto do Son ata Baiona sumando máis de 90.000 hectáreas de superficie, o 92% delas marítimas.

Deste xeito, de aprobarse a proposta, Galicia pasaría a ter a metade do seu territorio amparado por algunha figura de protección, fronte ao 42% actual. 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou esta medida en Madrid durante o seu relatorio sobre o Patrimonio natural de Galicia: os nosos soutos e castiñeiros, que se enmarca no programa Toma castaña, organizado pola Casa de Galicia en Madrid para poñer en valor este produto típico do outono.

A representante do Executivo galego salientou que a comunidade avanza así na ampliación dos espazos protexidos, como xa fixo en 2021 incorporando a Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera da Unesco e en 2023 co segundo Xeoparque Mundial de Galicia, o de cabo Ortegal.

De feito, nese compromiso por consolidar Galicia como unha das comunidades autónomas con maior número e maiores porcentaxes de reservas da biosfera, a Xunta consigna nos orzamentos de 2025 unha partida de 80.000 euros para iniciar a tramitación desa oitava reserva da biosfera e garantir a súa divulgación.

A responsable autonómica incidiu en que a Xunta avanza así na súa filosofía de conservar e apostar pola Galicia verde, como demostra tamén que fose a primeira comunidade en aprobar a Estratexia da Infraestrutura Verde para poñer en valor os ecosistemas e loitar contra o cambio climático. Nesa planificación teñen especial importancia as cidades e a creación de sendas verdes nelas para renaturalizalas e facelas máis agradables para o conxunto da cidadanía. 

Árbores senlleiras

En relación coas accións para protexer as poboacións de árbores como os castiñeiros, Ángeles Vázquez lembrou que a comunidade conta co Catálogo de árbores senlleiras de Galicia, no que se inclúen un total de 22 castiñeiros e formacións arbóreas. De feito, trala recente incorporación do gran castiñeiro de Sorribas, o catálogo conta con 194 exemplares e rodais -listado que se pode coñecer na exposición organizada pola Casa de Galicia- que poden beneficiarse todos os anos de axudas para a súa conservación. 

Precisamente, entre as árbores destacables está o castiñeiro de Pumbariños, no concello de Manzaneda, que se considera o máis antigo de Galicia ao estimar que rolda os 500 anos de antigüidade. Ademais, cos seus 12 metros de perímetro, é un dos castiñeiros de maior diámetro e atópase en bo estado de saúde. 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático agradeceu a iniciativa impulsada pola Casa de Galicia en Madrid para poñer en valor a castaña e os castiñeiros con accións como a experiencia divulgativa creada con Galiverso, na que se pode viaxar virtualmente á Fraga de Catasós, en Lalín, un bosque mixto singular de 4,5 hectáreas de superficie que inclúe exemplares centenarios considerados dos mellores de Europa tanto polo seu porte como pola súa estrutura.

A responsable autonómica tamén eloxiou o labor do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, que está a revitalizar este centro apostando por iniciativas de promoción dos valores patrimoniais de Galicia como a da castaña, un produto con numerosas implicacións tanto gastronómicas -fundamental para a alimentación no pasado e para múltiples elaboracións actuais- como culturais e artesanais.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS