jueves, noviembre 21, 2024
InicioConcellos +A CañizaA Cañiza inaugura a quinta tempada do "cocido cañicense"

A Cañiza inaugura a quinta tempada do «cocido cañicense»

A hostelería da Cañiza xa está preparada para servir dende o luns 28 de outubro o “cocido”, o prato máis senlleiro da tradición gastronómica cañicense e un activo culinario que se suma aos moitos atractivos turísticos da localidade

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, presentou esta mañá a nova tempada dos cocidos cañicenses. Estivo acompañado do presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista, e do alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega. Así mesmo, a hostelería da Cañiza xa está preparada para servir dende o luns 28 de outubro o “cocido”. Este é o prato máis senlleiro da tradición gastronómica cañicense e un activo culinario que se suma aos moitos atractivos turísticos da localidade.

Un menú que se pode saborear durante todo o ano nos restaurantes da Cañiza e especialmente na época dos fríos. Na presentación o Alcalde resaltou a necesidade de reservar nos restaurantes adheridos a esta semana promocional para garantir mesa. Os do Resero, Area CID, Casa Eligio, Bar Pirri- ELI, Bar Piri Piri, Casa Arela, restaurante Eido do Monte e Pincho da Avoa serán as opcións de todos os interesados.

En todos eles, os comensais participarán no sorteo de 30 noites de hotel para 2 persoas nas casas de hospedaxe do Concello. Ademais, cada menú inclúe unha rifa para este sorteo que se celebrará o vindeiro 11 de novembro. Esta é a aportación económica que o Concello quere facer nesta V edición para promocionar a tempada.

«Con esta iniciativa queremos animar a visitar A Cañiza e a coñecer a nosa gastronomía e os nosos activos turísticos. Principalmente as nosas rutas de sendeirismo que no outono alcanzan un alto valor paisaxístico«, asegurou no inicio da presentación o alcalde da Cañiza. Citas obridagas coa gastronomía de inverno da Cañiza promovida, impulsada e organizada conxuntamente polo concello e polos hostaleiros locais que comeza con forza a partires do 28 de outubro.

Carballiño, A Cañiza e Melgaço, un mesmo territorio unido pola gastronomía e cooperación

Luis Piña convidou aos seus invitados a participar na presentación gastronómica dando a palabra ao alcalde do Carballiño, Paco Fumega. Este volveu hoxe A Cañiza tras presentar este luns, a concesión dunha subvención por parte do MITECO de case 5 millóns de euros para o PERTE da AUGA. Esta concesión permitirá mellorar as traídas de augas dos 6 concellos.

O Alcalde volveu a recordar as semellanzas entre A Cañiza e Carballiño. Concellos que apostaron hai 60 anos pola gastronomía, tendo o acerto de traballar para impulsar o turismo gastronómico coas festas do Pulpo e do Xamón. Ambas celébranse na primeira quincena do mes de agosto. Agora volven a traballar xuntos a nivel institucional fortalecéndose entre os dous co desenvolvemento de importantes actuacións.

Tras a súa intervención, o presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista, agradeceu un ano máis a invitación do alcalde para presentar esta nova arrancada gastronómica. Fixo referencia igualmente as relacións e cooperación institucional que unen A Cañiza con Melgaço. Ademais, nesta ocasión con motivo da Eurocidade que está a punto de constituirse e que permitirá crear dinámicas e interaccións entre os territorios que a integran.

Na apertura desta nova tempada o Alcalde resaltou “a forza gastronómica que dende hai máis de medio século caracteriza á Cañiza. Un papel que ten un forte arraigo na cociña popular e os históricos cocidos con produtos do porco e da horta como ingredientes principais. Tamén este prato na nosa zona, sobre todo na época da postguerra, permitiu alimentar a moitas das nosas familias. Hoxe o Cocido cañicense é un referente como tamén o é o xamón que celebramos todos os 15 de agosto”.

O alcalde rematou a presentación dando as grazas aos dous alcaldes que nos acompañaron na xornada de hoxe. Unhas grazas extensivas tamén aos outros Concellos que forman parte do PERTE da Auga e tamén da futura EUROCIDADE polos moitos lazos que nestes momentos estamos tecendo para fortalecer aos municipios.

«O tempo de frío é tempo de cocido»

Son moitos os padais que xa coñecen o cocido cañicense, pero promovido polo Concello, os hostaleiros da Cañiza organizan esta nova tempada. Así mesmo, esméranse en cociñar este prato tradicional preparado con chourizo de cebola e de carne, fuciño, rabo, orella, cacheira, lacón, touciño e costela de porco. Tamén complétase con pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo. Todo iso acompañado con pan rústico e pan de millo ou “Bica” e regado polos caldos brancos e tintos, a gusto do cliente. Estos son da denominación de orixen Rías Baixas, tamén da Cañiza, das bodegas Eido da Fonte, Abelan e Cavadas do Val.

Antes ou despois deste prato ofrecerase un caldo servido en tazón. E como en toda boa comida, non pode faltar a sobremesa. Arroz con leite ou leite frita e café. Para rematar o alcalde agradeceu a implicación dos restaurantes e das bodegas que están traballando xa para que esta nova tempada poida saldarse con éxito, calidade e participación e anunciou os restaurantes nos que xa se pode degustar este menú. O Concello recomenda chamar por teléfono para reservar e os prezos non están unificados xa que cada local ofrece variantes e formas distintas de servilo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS