O sábado 26 e o domingo 27 de outubro o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) acollerá a IV edición da Feira Vegana e Sostible de Galicia, Vegana.gal .
Vegana.gal nace no ano 2021 «como resposta á necesidade dun público implicado na busca de todo tipo de produtos que eviten ingredientes de orixe animal na súa composición», segundo aseguran dende a organización.
Na feira, que se celebrará durante esta fin de semana, poderase atopar showcookings, con demostracións de cociña saudáble e vexetal; charlas, da man de persoal experto e profesionais da educación ambiental, sostibilidade e veganismo; gastronomía, con todo tipo de produtos veganos; sostibilidade, con produtos zero-waste para reducir o impacto; foodtrucks, cunha ampla oferta de comida vegana e dúas zonas especiais, unha delas enfocada nos nenos e nenas e outra para profesionais do sector.
A programación comeza o sábado 26 ás 10:30h coa apertura do recinto e remata o domingo 27 coa súa clausura. Podes consultar toda a programación, detallada por franxas horarias, na seguinte ligazón.
Xa están á venda as entradas anticipadas na súa páxina web, cun prezo de 8€ o abono para os dous días e 5€ as entradas diarias.