O Bloque Nacionalista Galego vén de propor que se abra o debate con respecto á aplicación na cidade de Vigo dunha taxa turística. Con ese obxectivo, demandan ao Goberno municipal de Abel Caballero que o Concello elabore en colaboración coa Universidade de Vigo un estudo técnico.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que este debate é «imprescindible diante do aumento moi agudo do turismo que recibe a nosa cidade». Neste sentido sinalou que, «en datos do INE, a cidade de Vigo recibiu no ano 2023 3,28 turistas por cada habitante, superando en termos totais o turismo recibido por Santiago de Compostela».
Ademais, o nacionalista indica que «rexistrouse un aumento dun 72,47% das pernoctacións hoteleiras nos últimos dez anos, pasando de menos de 575 mil, no 2013, a case 1 millón o pasado ano».
Como é a taxa turística en Vigo?
Igrexas explicou que para o BNG «a taxa turística debe ter por obxectivo que o turismo contribúa tamén ao sostemento dos gastos que supón para a cidade e que arestora están a ser asumidos a cargo das viguesas e dos vigueses e que permita paliar os impactos negativos que a actividade turística ten para a cidade”.
Neste sentido, o nacionalista indica que “cremos que pode e debe ser tamén unha medida que poña couto ao brutal avance do fenómeno ultraespeculativo dos pisos turísticos”, acrecentou.
Esta é a motivación que leva ás nacionalistas a demandar do Goberno municipal que o Concello elabore, en colaboración coa Uvigo, un estudo como xa o realizado por outras cidades que permita determinar a necesidade e características que debería ter esta taxa atendendo ao tipo de turismo que se recibe na cidade, «cunha forte presenza, por exemplo, de cruceristas».
“Entendemos que a taxa turística pode ser unha medida útil no camiño de impulsarmos un modelo de turismo sustentábel e non masificado, que xere retornos e achegue valor engadido, desenvolvendo as enormes potencialidades da cidade no ámbito do turismo MICE, cultural, ecolóxico e deportivo”, argumenta o portavoz municipal nacionalista.
Unha proposta que defenden, apuntou, “desde o compromiso de avanzar cara a un Vigo máis habitable e medio ambientalmente sustentable que non fique reducido a un parque temático para o excursionismo de masas”.